22 de xaneiro de 2024
A concelleira de Innovación destacou o apoio do Concello ao sector TIC coa aposta polas infraestruras tecnolóxicas como a Cidade das TIC e a Axencia Española da Supervisión da Intelixencia Artificial
A concelleira de Innovación, Mobilidade e Infraestruturas, Nereida Canosa, acompañou esta mañá o ministro de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá, na súa visita ao Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e Comunicación (CITIC) onde mantiveron unha reunión coa dirección e o equipo investigador do centro. O ministro puxo en valor o traballo realizado pola UDC en materia de procesamento da linguaxe natural, unha das ramas máis importantes da invetigación tecnolóxica.
Canosa destacou o apoio do Concello da Coruña ao sector TIC coa aposta polas infraestruras tecnolóxicas como a Cidade das TIC e a Axencia Española da Supervisión da Intelixencia Artificial e sinalou a importancia de achegar a academia á empresa. Na reunión estiveron presentes Manuel G. Penedo, director do CITIC; Javier Pereira Loureiro, subdirector do CITIC; o vicerreitor da UDC, Jerónimo Puertas; e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; acompañados por unha delegación de investigadores do CITIC.
O ministro situou a Cidade das TIC como unha referencia en España e comprometeuse a seguir colaborando no desenvolvemento tecnolóxico da Coruña, con interese nos proxectos do CITIC en materia de intelixencia artificial aplicada á saúde e á accesibilidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible