Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de maio de 2026

O acordo do parque do Agra suporá a construción de 85 vivendas protexidas e sumará unha superficie verde de 13.000 metros cadrados

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, puxo en valor a relevancia que terá a actuación, que permitirá contar cun aparcadoiro soterrado de 350 prazas de uso público nun lugar cunha gran demanda de estacionamento

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe dos detalles da modificación puntual do Plan Xeral no polígono urbanístico M-22, clave para incrementar os espazos verdes no Agra do Orzán e, en paralelo, definir a bolsa residencial que aparellará a urbanización dos soares.

Lage adiantou que a estimación dos servizos municipais é que se constrúan máis de 200 vivendas no ámbito. Desta cifra, un 40% do total sería vivenda protexida, "un aspecto fundamental se atendemos á emerxencia social existente que hai con respecto ao acceso a vivenda", indicou Lage, que cifrou en 85 as novas vivendas protexidas coas que contará o barrio.

O edil tamén detallou que o acordo acadado permitirá que e o 83% do polígono sexa para espazos públicos, o que suporá sumar 13.000 metros cadrados de zonas verdes

Sobre o papel, este plantexamento sería posible en base á redución de edificabilidade prevista sobre a proposta inicial, que suporá a supresión dun dos edificios proxectados e o rebaixe da edificabilidade noutro bloque. Desta forma, as parcelas onde se poda construír quedan reducidas a 4.000 metros cadrados.

Na súa comparecencia desta mañá, Lage amosou a súa comprensión coas aspiracións veciñais das persoas residentes no Agra, subliñando que "ninguén mellor que eles coñece a realidade de como naceu o barrio e como se desenvolveu", en anos do desarrollismo "nos que primou a construción de vivendas sen pensar nos espazos públicos compartidos". Neste sentido, Lage indicou que acadar o 83% de zonas verdes é un logro para un barrio no que ata agora non había parque algún e no que ningunha Corporación anterior conseguiu ningún avance. "O parque do Agra conseguiuse con Inés Rey, nada se fixo antes", dixo.

Outra das medidas destacadas que supón á modificación puntual do Plan Xeral no polígono será a posibilidade de construír un aparcadoiro soterrado dunha superficie de 3.400 metros cadrados, que permitiría sumar aproximadamente 350 novas prazas de estacionamento "nun barrio coa densidade poboacional alta e que precisa deste tipo de respostas", que, tal e como aclarou Lage, "chegaría derivada deste acordo".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión