1 de decembro de 2015
Xulio Ferreiro visitou hoxe a sede de Ascega, a Asociación de Emprendedores e Empresarios de Galicia, acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, quen salientou a necesidade de "facilitar desde as administracións o procedemento para iniciar un negocio"
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou na mañá deste martes a sede da Asociación de Emprendedores e Empresarios de Galicia, Ascega, nun almorzo de traballo no que tamén participou o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e onde o rexedor apostou “polos proxectos innovadores, que ofrecen un traballo de calidade, un traballo estable para a xente” como novos motores económicos da cidade. Nesa liña, Ferreiro avogou por esas novas vías, capaces de contribuír “a que A Coruña sexa o que ten que ser: un motor económico, social, cultural de Galicia e de todo o Estado”, e fixo unha defensa “desa xente que quere botar para diante un negocio que redunde na economía, no benestar, para facer da Coruña un sitio atractivo ao que a xente de fóra queira vir, non só a visitarnos senón a quedar”.
No mesmo sentido pronunciouse o responsable municipal de Economía Social, quen sinalou que un dos obxectivos do Goberno local é o de “facilitar que o procedemento para poñer unha empresa en marcha sexa o máis áxil posible”. “Galicia é unha das comunidades onde máis difícil resulta poñer a andar un negocio e creo que hai unha responsabilidade da administración. Temos que ter entre os nosos obxectivos facilitar os plans administrativos para que cando alguén tome unha decisión tan complexa e tan valente como é montar unha empresa non se atope con que parte dos atrancos que vai ter parten da propia administración”, considerou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible