Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de novembro de 2016

O alcalde avoga por abrir o acceso á cultura "para que esta sexa verdadeiramente democrática e igualitaria", durante a inauguración da mostra 'Empeza o espectáculo. Georges Méliès e o cine de 1900'

Xulio Ferreiro e José Manuel Sande presentaron a nova exposición, de entrada libre, que se poderá visitar nos Xardíns de Méndez Núñez desde hoxe e até o 16 de decembro

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, inauguraron na mañá deste venres, nos xardíns de Méndez Núñez, a exposición Empeza o espectáculo. Georges Méliès e o cine de 1900, unha mostra na que se profunda na vida e traballo do autor francés, considerado unha das personalidades máis relevantes da historia do cinema, tanto por ser o precursor do cinema fantástico como por achegar a sétima arte ao gran público. O rexedor coruñés puxo en valor a figura do autor, do que sinalou que "non só divertiu, senón que levou a cabo unha tarefa fundamental, como foi a democratización da cultura". "Para este Goberno a cultura, en todas as súas expresións, debe ser accesible, porque só desde xeito é democrática e igualitaria. O cinema que iniciou Méliès fixo moito neste senso", valorou Ferreiro, quen salientou "a gran compoñente educativa e formativa" da mostra, que presenta "a un dos pais do cinema fantástico, nunha a cidade onde ese xénero conta cun gran número de seguidores".  

O concelleiro de Culturas cualificou a Méliès, autor de Unha partida de cartas (1896) ou Viaxe á Lúa (1902) baseado na obra de Jules Verne, como unha personalidade "decisiva" da arte cinematográfica. "Con esta exposición recupérase unha figura pioneira e fundamental, a dun precursor que abriu o camiño da ficción e da fantasía no cine". Nesta liña significouse tamén o comisario da mostra, Sergi Martín, quen definiu ao francés como "o primeiro director da historia cinematográfica", e que tamén estivo presente na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá, xunto ao o director de área de negocio CaixaBank Coruña Nova Rede, José Carlos Cobas.

A mostra, composta por fotografías, maquetas, carteis e proxección de fragmentos de películas, realiza, a través de tres bloques, un percorrido pola obra do autor "que converteu o cine, con máis de 500 traballos, en espectáculo", sinalou Martí, "á vez que construíu o imaxinario para as clases populares francesas". Así, no primeiro espazo expositivo, o público atópase co contexto histórico, social e político do ano 1900, a herdanza do mundo da ilusión de Robert Houdin ou os primeiros pasos dos irmáns Lumière. Neste punto, destácase a relación inicial de Méliès coa experiencia do cine, e o papel que xogou como director, produtor ou distribuidor. Finalmente, o seu Viaxe á Lúa e o seu legado pechan unha exposición que a veciñanza poderá visitar de balde todos os días ata o 16 de decembro, en horario de 12.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas de luns a venres, e de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas os sábados domingos e festivos.  

Para profundar na obra de Méliès, así como na propia mostra, ofreceranse visitas guiadas de luns a venres, ás 19.00 horas. Os sábados, domingos e festivos ampliaranse estes roteiros incluíndo un matinal, ás 12.00 horas.Por outra banda, os centros educativos e colectivos que desexen achegarse até o espazo expositivo, situado fronte ao Kiosco Alfonso, poderán facelo de luns a venres, de 09.30 a 13.30 horas e de 15.00 a 17.00 horas, previa cita no teléfono 902.906.666.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión