Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xuño de 2017

O alcalde da Coruña asiste en Braga ao debate sobre a Axenda Urbana do Eixo Atlántico

Xulio Ferreiro sitúa como prioritario “promover a colaboración e mellorar a conectividade” entre os municipios que conforman a Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, e valora positivamente que a proposta de Axenda Urbana “aposte por un modelo de desenvolvemento que presenta semellanzas coa idea dunha Coruña Próxima”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asistiu hoxe ao Congreso do Eixo Atlántico, que ten lugar na localidade portuguesa de Braga co gallo da celebración do 25 aniversario deste ente, que promove a colaboración e a promoción dos municipios da denominada Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Durante o encontro, que continuará na xornada de mañá, as e os asistentes debatiron as bases do proxecto que dará pé á creación da Axenda Urbana da entidade da que o Concello da Coruña forma parte e en cuxa Comisión Executiva está representado. O rexedor defendeu a "necesaria aposta pola cooperación e colaboración entre os municipios á hora de definir e afrontar retos comúns", como a mellora da conectividade, a cohesión territorial ou a gobernanza democrática, para así "poder abordar procesos que impulsen tanto o desenvolvemento dos concellos como o da propia Eurorrexión". "Galicia e o norte de Portugal teñen a oportunidade de poñer en común ferramentas que permitan mellorar a calidade de vida da veciñanza e xerar riqueza na rexión. O Goberno local da Coruña, que aposta polo diálogo e a cooperación entre cidades, ten un fondo compromiso para avanzar, a través do Eixo, cara a construción dun espazo cohesionado, sostible e integrador", aseverou.

A este respecto, o rexedor lembrou "o relevante papel que ten a cidade --que acolleu o pasado mes de maio a reunión da Comisión Executiva-- no ente", posto que A Coruña será a sede do peche dos actos organizados pola entidade para conmemorar os seus 25 anos de actividade. "O evento terá un claro carácter participativo e integrador, e situará de novo á cidade como o importante nodo de actividade que é de cara á Eurorrexión", afirmou.

En canto ao proxecto de Axenda Urbana, presentado esta mañá no Teatro Circo de Braga, o rexedor valorou positivamente a aposta que se fai "por eixos transversais que xa forman parte da acción do Goberno local, como a rexeneración urbana, o desenvolvemento sostible, a participación ou a transparencia", así como pola defensa do valor da proximidade e da relación das cidades co seu territorio máis achegado, como a área metropolitana, "o que referenda a proposta deste executivo pola Coruña Próxima, ese modelo de cidade sostible, integradora e de escala humana, pensada para as persoas, na que estamos a traballar". "A proposta común para a Eurorrexión, de cara a 2020, inclúe medidas como a recuperación da natureza, o fomento da cultura e da creatividade e a rexeneración urbana, liñas de traballo que xa están en marcha no Concello da Coruña, pero tamén aqueles retos que defendemos e entendemos como pactos de cidade, como son a creación dunha estratexia común e integral para os municipios da área metropolitana, ou a mellora da conectividade e mobilidade entre as localidades desta zona de influencia", afirmou.

Ademais do alcalde coruñés, a primeira xornada deste Congreso asistiron distintos rexedores de Galicia e do Norte de Portugal, entre os que se atopa a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o primeiro edil do Barco de Valdeorras Alfredo García --Presidente da Fegamp e Vicepresidente do Eixo Atlántico--; o alcalde de Braga, Ricardo Río, que tamén é o Presidente do ente; e o seu secretario xeral, Xoán Vázquez Mao. Entre os expertos convidados á sesión, ademais de técnicos da Unión Europea, atópanse Thomas Elmqvist, profesor de xestión de recursos naturais na Universidade de Estocolmo; ou Charles Laundry, urbanista creador do concepto de Cidade Creativa.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión