29 de xuño de 2015
Se hoxe non estamos a falar dos premiados, como Vaca Films, da rede contra a trata, ou de Pepe Domingo Castaño e que alguén non fixo ben o seu traballo, dixo Xulio Ferreiro, preguntando polo discurso de Núñez Feijóo nas Medallas Castelao.
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse a mañá deste luns co Delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, nunha entrevista de carácter protocolario. A pesar de que se trataba dunha primeira toma de contacto, o rexedor aproveitou o encontro para interesarse ante o alto cargo do Executivo central pola situación do persoal de Alcoa, a Fábrica de Armas ou o cárcere da cidade.
“A reunión de hoxe forma parte da rolda de visitas institucionais programadas. Falamos de temas común, non só de seguridade, xa que hai determinados temas que dependen do Goberno central, como é o caso da situación da factoría de Alcoa, da Fábrica de Armas ou do cárcere”, explicou Ferreiro. “No caso de Alcoa, dende o Concello xa coñeciamos as reivindicacións dos traballadores de primeira man e nos interesamos polo que pode facer o Ministerio de Industria para poder regular a situación dos prezos enerxéticos e axudar a que os empregados de Alcoa poidan traballar con tranquilidade”.
Medallas Castelao
No edificio da Delegación do Goberno na Coruña, Ferreiro foi preguntado polos xornalistas polas palabras do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo na entrega das Medallas Castelao este domingo en Compostela.
“Cada un entende dunha forma os actos institucionais. Eu creo que este luns deberiamos estar falando dos premiados: Vaca Films, de Enma Lustres, da rede contra a trata, dun coruñés de adopción como é Pepe Domingo Castaño, dos xuristas de recoñecido prestixio que exporta Galicia… Se non estamos falando disto é que alguén non fixo ben o seu traballo, que onte debería pasar por louvar estas figuras”, afirmou.
“Eu son bastante humilde en xeral, polo que non me sinto aludido polas palabras de Feijóo. Recoñezo o mandado dos votos e non sinto que as palabras de Feijóo fosen por min”, terzou o alcalde.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible