7 de agosto de 2015
A concelleira de Medio Ambiente, María García, propón que na mesa de traballo para o seguimento do saneamento da ría tamén estea presente a Universidade da Coruña, para que o dragado teña “máximas garantías”
Este venres reuníronse na Casa do Mar, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como os rexedores de Oleiros, Culleredo e Cambre, Ángel García Seoane, Julio Sacristán e Ángel García Patiño, ademais do presidente da Confraría de Pescadores da Coruña, Felipe Canosa, para analizar unha postura común fronte ao proxecto de dragado da Ría do Burgo do Goberno central. A responsable de Medio Ambiente do concello herculino, María García, tamén estivo presente no encontro.
No mesmo, acordouse a creación dunha mesa de traballo que realice un seguimento dese proxecto de dragado para o saneamento da Ría do Burgo. Rematada a xuntanza, o alcalde da Coruña indicou que “tratou de buscarse unha postura común coa que acudir á entrevista que temos no Ministerio de Medio Ambiente”, á vez que dixo que “se é preciso presentar alegacións” ao borrador dos orzamentos xerais do Estado no que atinxe a esta partida, “presentaranse”.
Ferreiro manifestou que no caso da Ría do Burgo, “o ideal é que o Goberno central tome a iniciativa e inclúa as partidas necesarias na tramitación da lei de orzamentos para que o proxecto de saneamento teña a seguridade que vén reclamando a confraría”. O alcalde coruñés engadiu: “Queremos coñecer cal é o proxecto real que hai detrás disto, máis alá do anuncio electoral feito para tratar de gañar uns votos”.
A pretensión é que nesa mesa de traballo de seguimento estean presentes tanto representantes dos concellos da Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre, como voceiros da Consellería e do Ministerio de Medio Ambiente. Ademais, a concelleira do ramo e primeira tenente de alcalde, María García, solicitou que tamén se intente incluír á Universidade da Coruña. “Esta petición vén dada porque a opinión desta institución é moi importante á hora de facer os estudos medioambientais pertinentes para que o dragado dos lodos da ría se leve a cabo coas máximas garantías”, explicou a concelleira. “Este tema ten que ser tratado con todas as cautelas”, advertiu.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible