Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de agosto de 2015

O alcalde demanda á Federación Galega de Fútbol que manteña a súa sede na cidade

"Se toda a cidade e todos os grupos políticos do Concello da Coruña estamos de acordo, vai ter difícil xustificación a institución para incumprir a súa parte", sinalou Xulio Ferreiro



O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, mantivo na mañá deste venres un encontro co presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, que serviu ao rexedor para demandar un compromiso “claro e evidente” de que a institución deportiva vai cumprir co convenio que ten asinado co Concello e vai manter na cidade a súa sede. “Pola tradición de tantos anos con esa institución na cidade, todos os coruñeses e as coruñesas a sentimos como propia e desexamos que quede aquí. Pero ademais é un compromiso da propia Federación e así llo imos esixir desde o Concello, porque é unha demanda de toda a cidade e dos clubs de fútbol desta cidade”, apuntou Ferreiro, que recordou que nese compromiso está a orixe do convenio: a cesión dos terreos por parte do Concello para que a Federación poida ter na Coruña “a sede que se merece e que se merece tamén a cidade”. Neste sentido, o alcalde demandou do presidente da entidade un compromiso persoal “público” e deixou clara a súa postura: “Se toda a cidade e todos os grupos políticos do Concello da Coruña estamos de acordo en que isto debe cumprirse, vai ter difícil xustificación a Federación Galega de Fútbol para incumprir a súa parte”.

“O Concello da Coruña está cumprindo as súas obrigas neste convenio, referidas a urbanización e construción dos accesos, incluso indo máis alá do convenio en ocasións, e o que lle esiximos á Federación é que cumpra coa súa parte, en canto á construción dos campos e acondicionamento  deses campos de fútbol”, indicou o rexedor, para engadir: “Se ese compromiso está claro por parte da Federación, máxima colaboración do Concello da Coruña para a execución das obras e, incluso, para ser flexibles con algún prazo, dados os problemas que se nos trasladan desde a Federación no tema das obras”.

Novo Mesoiro

Preguntado polos medios de comunicación, o alcalde da Coruña anunciou que os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, manterán o vindeiro 8 de setembro unha reunión con representantes do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para abordar o conflito que se está a vivir en Novo Mesoiro pola ocupación irregular dalgúns pisos. “Nela, poderemos entrar a falar sobre a titularidade e xestión desas vivendas, porque parece que poderían ser mellor xestionadas desde o Concello da Coruña”, observou o rexedor, quen, de forma paralela, garantiu a “total colaboración” da Policía Local cos corpos de seguridade do Estado.

Por outra banda, e en relación ás verteduras na ría do Burgo, Ferreiro insistiu en pedir á Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente que se impliquen na rexeneración: “Os puntos de verquido están detectados, os que se nos comunicaron por parte da Xunta, xa estaban identificados e agora estamos traballando na solución. Imos seguir traballando como fixemos desde o principio. Nós estamos a facer o noso traballo e creo que tamén temos que esixir que o resto das administracións fagan o seu”. Como tamén indicou o rexedor, nestes días estase ultimando ademais a redacción da carta que os alcaldes dos municipios da contorna da ría do Burgo e a Confraría de Pescadores enviarán á ministra e á conselleira de Medio Ambiente para esixir que asuman os seus compromisos. A carta, avanzou Ferreiro neste venres, será remitida tamén á Universidade da Coruña para pedir colaboración nos aspectos técnicos da rexeneración da ría. “Aquí temos que ir todos a unha, estamos todos interesados en que a ría do Burgo estea na mellor situación sanitaria, porque iso  redundará no turismo, no medio ambiente e incluso na economía. Temos que colaborar e nós estamos facendo o noso traballo”, sostén.

Na comparecencia ante os medios, o rexedor coruñés tamén insistiu no apoio do Concello aos traballadores de Alcoa. “É evidente que en termos de emprego e de riqueza para a cidade, a planta de Alcoa é un activo. Estamos na defensa dese activo e esiximos os compromisos”, sinalou Ferreiro, quen demandou da Xunta e do Ministerio de Industria “que tomen as medidas necesarias para garantir a continuidade da planta na Coruña”. Como lembrou, o comité de empresa de Alcoa foi unha das primeiras visitas que recibiu como alcalde e a súa situación, un dos temas que trasladou nas súas reunións institucionais co presidente da Xunta e a Delegación do Goberno. “Entendemos que o tema é prioritario. Os traballadores saben que esiximos que se tomen as medidas necesarias para que a planta siga en funcionamento e siga dando traballo á comarca da Coruña”, fixo notar.

 

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión