Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de setembro de 2018

O alcalde destaca a colaboración do Concello coa Federación de ANPA e salienta que os convenios para a realización de programas educativos aumentou nun 30% neste mandato

O rexedor e a concelleira de Xustiza Social visitaron esta mañá a sede da federación provincial de asociacións de nais e pais, onde destacaron as novidades deste curso como o programa de conciliación Cóxegas, a gratuidade das actividades para os e as menores con bolsa comedor e a ampliación do contrato do servizo de Madrugadores, que introduce os alimentos de produción ecolóxica

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, agradeceu esta mañá o traballo que desenvolven as asociacións de nais e pais dentro da comunidade escolar. Así o fixo nunha visita á Federación provincial de ANPA na que estivo acompañado pola concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán. No marco do citado encontro, o rexedor referendou o compromiso do goberno local coa educación pública e recordou que as axudas do Concello a esta entidade para a posta en marcha de actividades destinadas ao alumnado medrou de forma significativa durante o actual mandato. En concreto, explicou que a administración local ten dous convenios coa federación, un para gastos de persoal e actividades formativas que medrou un 11% entre 2014 e 2017, até os 20.000 euros, e un segundo, destinado a programas educativos, deportivos, culturais e de mocidade que se incrementou no mesmo período en case un 30%, até os 440.000 euros.

Estas cantidades serven, entre outras cousas, para o financiamento dos programas educativos das ANPA do curso 2018/2019 que dividen a súa oferta entre o programa Cóxegas, o de Deporte no Centro ou o de Ocio educativo, así como os Campacoles que se levan a cabo durante os períodos non lectivos. Todas estas actividades pretenden aumentar as competencias do alumnado, facilitar a conciliación laboral e familiar e a integración e socialización dos e das menores. A concelleira Cameán tamén destacou entre as novidades deste ano, e dentro da liña de progresividade que aplica o executivo municipal, que os novos programas da Federación de ANPA serán gratuítos para as persoas beneficiarias das bolsas comedor, xa que o custo será asumido polo Concello.

Nun encontro ante os medios, o rexedor tamén recordou que esta oferta se complementa coas actividades para o alumnado dos centros públicos que pon en marcha a Concellería de Xustiza Social (e que se dividen nos programas A Coruña Tardes, A Coruña Linguas, A Coruña Diversidade, A Coruña Saúde, A Coruña Aventura, A Coruña Cultura, A Coruña no Mundo, A Coruña Comunica, A Coruña Orienta e A Coruña das Ciencias), ademais doutros programas e obradoiros educativos financiados dende distintas áreas do goberno local e que abordan diversas temáticas e que van dende a prevención das adicións, até a educación ambiental, as competencias en consumo, emprego, educación viaria e igualdade.

Entre as novidades deste curso escolar tamén salienta o aumento de investimento que adica o Concello ao programa de Madrugadores, que ofrece un servizo de almorzos para os e as menores que chegan antes aos centros escolares, e que pode ser solicitado polos centros de infantil primaria e secundaria da cidade no caso de contar con comedor e que así o aprobe o seu Consello Escolar. Cameán comentou que o contrato municipal se incrementou en máis dun 30%, de 22.800 a 33.000 euros. O prezo do servizo de almorzo será de 1,90 euros por día, dos que o Concello subvenciona 0,81 euros.

Outra das novidades do programa de Madrugadores será a aposta pola produción ecolóxica. Os almorzos que se ofrecen con cargo a este contrato municipal son equilibrados e están adaptados as necesidades dietéticas das e dos menores. Consisten nun produto lácteo, unha peza de froita ou zume natural e torradas, cereais ou similares. "Os produtos serán ecolóxicos e de proximidade, habendo menús específicos para o alumado que o precise por causa de alerxias ou enfermidades", indicou a responsable municipal.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión