28 de xuño de 2016
O Pazo de María Pita loce a bandeira multicolor como mostra do compromiso da institución local “co recoñecemento e inclusión de todas as diversidades e o total rexeitamento de calquera tipo de discriminación ou violencia por cuestións de orientación ou identidade sexual”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro --acompañado da concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, así como doutras e doutros membros da Corporación municipal--, deu lectura esta mañá á Declaración Institucional do Concello con motivo do Día Internacional do Orgullo Lésbico, Gai, Transexual, Bisexual, Queer e Intersexual (LGTBQI). O acto tivo lugar á entrada do Pazo de María Pita, que loce na súa fachada dende onte a bandeira multicolor como mostra do seu apoio ás reivindicacións das distintas diversidades. "Manifestamos o noso compromiso coa defensa da igualdade de todas as persoas, polo recoñecemento e inclusión de todas as diversidades e o total rexeitamento de calquera tipo de discriminación ou violencia por cuestións de orientación sexual e/ou de identidade de xénero", dixo o primeiro edil.
Ferreiro quixo destacar que por segundo ano consecutivo, dende a chegada a María Pita do actual Goberno municipal, o Pazo loce a bandeira multicolor da diversidade sexual "como acto simbólico e visible do reto que asume este Concello dunha cidade inclusiva". "Queremos avanzar na realidade dunha cidade libre de violencias machistas, orgullosa e inclusiva das diversidades para que todas as personas poidan vivir garantindo o dereito á igualdade afectiva", dixo o rexedor, quen destacou a necesidade dunha maior implicación por parte de todas as administracións públicas con competencias. "É necesario pedir a todos os poderes públicos e as institucións, así como a sociedade civil, a súa colaboración activa no fomento dunha conciencia solidaria que promova un cambio de actitude cara ás persoas LGTBQI", dixo, á vez que recordou as medidas neste camiño levadas a cabo polo Concello da Coruña, como é o caso da adhesión do mesmo ao Plan PIPE (Programa para a Identificación Policial Eficaz) para unha xestión adecuada das diversidades por parte da Policía Local, así como os diversos programas de investigación, sensibilización e acción pola igualdade.
Ao fío, a concelleira Fraga pediu á Xunta de Galicia "que faga efectivo o desenvolvemento da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais e intersexuais de Galicia, especialmente no que atinxe ao desenvolvemento conxunto da rede de servizos municipais dirixidos ao empoderamento das persoas LGTBQI". A responsable municipal recordou as distintas actividades que puxo en marcha o Concello esta semana con motivo da campaña A Coruña Orgullosa e Diversa e "que foron programados de xeito participativo en colaboración cos colectivos diversos da cidade". (Pódense consultar en http://goo.gl/bq2xck )
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible