27 de maio de 2017
O rexedor e os e as concelleiras do grupo de Goberno levaron a cabo un novo encontro participativo coa veciñanza ‘Dillo Ti’. O próximo terá lugar en Feáns
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno participaron esta mañá noutra nova edición dos encontros coa cidadanía Dillo Ti, que tivo lugar nesta ocasión no Centro Cívico da Silva. O rexedor destacou as actuacións que o Executivo ten previsto acometer no barrio, como aquelas específicas de mantemento e rehabilitación enclavadas dentro do programa municipal para os núcleos rurais da cidade, e a inminente posta en marcha do programa municipal A Pé de Barrio, polo que se abordarán reformas e actuacións de mantemento, rehabilitación e pintado que se abordarán mensualmente en cada barrio da cidade. "Este ano esperamos levar a cabo accións que pasan pola mellora das beirarrúas, a colocación de máis lumieiras, pavimentación, accesibilidade ou da fonte", explicou o primeiro edil, que recordou que xa se efectuaron actuacións no marco dese programa en zonas como Bens, Mazaíros, Pedra Longa e Palavea. Ao fío, recordou a necesidade de que os e as propietarias de fincas privadas leven a cabo neste período e até o 30 de xuño o rozado das mesmas dentro do plan de prevención de lumes. "O Concello está levando a cabo a limpeza das fincas municipais, pero tamén dende o departamento de Medio Ambiente estamos a demandar á veciñanza que ten espazos privados a limpeza dos mesmos, xa se comezou coas notificacións", comentou. Ferreiro tamén salientou o aumento da contía das axudas municipais do Plan de Rehabilitación de Vivendas para inmobles unifamiliares, onde os e as solicitantes poden optar a subvencións de até 3.000 euros.
Por outro lado, o alcalde salientou a concesión esta mesma semana de 15 millóns de euros de fondos europeos DUSI para o desenvolvemento da estratexia de desenvolvemento urbano integrado, "que tamén traerá actuacións a esta parte da cidade". "Haberá investimentos no entorno da Silva e da Grela que pasarán pola rehabilitación de fontes e lavadeiros", engadiu.
"Nas últimas décadas, na cidade houbo unha desatención absoluta de todos os núcleos tradicionais da cidade. Este ano o Concello reservou nos seus orzamentos unha cantidade para os contratos de mantemento de vía pública que se incrementan nun 50%, até os 3,2 millóns de euros. Iso vaise notar moito. Pero, ademais, abordaremos un proxecto destinado a reconectar os núcleos tradicionais coa cidade. Xa estamos a abordar actuacións neste sentido nos camiños de Bens ou en Elviña. O que queremos é instaurar un eixe accesible, que conecta os núcleos entre si, pero tamén co Ventorrillo", dixo. En canto ás actuacións previstas na zona, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, manifestou a vontade de revisar, xunto coa propia veciñanza, actuacións de mellora que se poidan levar a cabo no Centro Cívico municipal do barrio.
Pola súa banda, a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, tamén destacou a vontade do Goberno local de actuar, en concordancia coa demanda veciñal, na recuperación da toponimia tradicional na zona, así como no nomeamento das rúas que non teñen denominación.
O seguinte encontro coa veciñanza Dillo Ti terá lugar en Feáns.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible