26 de abril de 2017
Xulio Ferreiro destaca que a demolición da antiga nave de La Toja “xa estaba prevista e planificada dende hai tempo, se ben coincidiu co incendio que se produciu na zona, no que non temos que lamentar danos persoais, afortunadamente”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, referiuse esta mañá a decisión do Concello de ordenar a demolición da antiga nave de La Toja ubicada na Pasaxe. O rexedor indicou que o Goberno local "leva xa moito tempo realizando un traballo silencioso e discreto dentro do denominado Plan de Acceso a un Hábitat Digno, que posibilitou que xa haxa varias familias habitantes neste asentamento precario que puideron saír da Pasaxe". Como indicou, a busca dunha solución habitacional estable e adaptada á situación de cada unha das persoas que se atopaban neste emprazamento é fundamental á hora de poder abordar o derrubamento do antigo inmoble. "Non está a haber ningún problema coas reubicacións, o que creo que é unha moi boa noticia. Entendemos que este traballo debe ser atallado de forma discreta, por iso, levamos xa meses actuando e buscando alternativas para as familias residentes", reiterou, á vez que engadiu que, no marco destes traballos "hai xa unhas semanas que se acometeu a primeira fase do proceso profundo de limpeza na zona, de cara a facela máis salubre" durante o tempo de transición ata que as persoas habitantes se incorporen a un hábitat normalizado. "O traballo que están a facer tanto os servizos sociais do Concello como o resto de equipos implicados dá os seus froitos, e así o estamos a ver. Non só estamos a falar de realoxos, que se están producindo sen ningún incidente, senón tamén de itinerarios de seguimento e inserción social e laboral, para que todo o proceso teña sentido e se mellore a calidade de vida das persoas", comentou o primeiro edil.
Ao fío, Ferreiro insistiu en que o derrubo da nave, cuxo inicio está previsto para o 4 de maio, estaba xa planificado nesa data dende hai tempo. "A demolición xa estaba prevista e planificada, se ben onte nos atopamos coa desagradable coincidencia co incendio que se rexistrou onde, dentro do malo, destacamos que non houbo danos persoais", explicou. "O proceso non se alterou en ningún caso, o prazo era o previsto, se ben aínda non se tiña feito público por non terse avisado aínda a todas as partes", destacou Ferreiro, quen quixo salientar o traballo que está a desenvolver o Concello neste e nos outros dous asentamentos precarios do municipio. "Este lugar leva existindo 40 anos, a nosa meta é que desapareza por completo algún día, e para iso temos que levar a cabo un traballo discreto e facelo con sentido, que é o que estamos facendo, o mesmo que noutras zonas como As Rañas e O Campanario".
Eirís
Tamén, preguntado polos medios polo futuro do proxecto Micasita, da entidade benéfico social Fogar de Sor Eusebia, o rexedor avogou por "atender ás razóns de todas as partes desde o respecto". "Onte, a concelleira de Xustiza Social e o concelleiro de Rexeneración Urbana foron falar coa veciñanza de Eirís e dar a cara, como este Goberno local sempre fai. Quixemos estar cos veciños e as veciñas para coñecer de primeira man a súa postura, e creo que houbo algunhas intervencións que permitiron coñecela. A partir de agora hai que sentarse e analizar a situación con Sor Eusebia, para ver que é o mellor para todos e, sobre todo, para as persoas destinatarias do proxecto, porque ao final do que estamos falando é de dar solucións a persoas que o están pasando mal, que están na rúa, fóra dunha vida normal e ás que hai que procurar integralas nunha vida normal. Para iso hai que buscar as condicións que permitan a integración e a calma que precisa un proxecto deste tipo", salientou.
"O Goberno entendeu desde o primeiro momento que o Fogar de Sor Eusebia é unha entidade con suficiente prestixio para que a reacción ao proxecto tivese sido outra. Tamén comprendo que os veciños e veciñas teñan certas razóns, que teñen que ver coas expropiación e con promesas que se lles fixeron hai anos, das que non é responsable este Goberno, e que merecen ser escoitadas, un diálogo no que non debemos perder as formas e no que debemos buscar un consenso, sen o cal, proxectos deste tipo son moi difíciles de sacar adiante", advertiu. " Todas as razóns son atendibles e todo pode falarse, pero nun marco de respecto entre as partes", manifestou Ferreiro, quen indicou que o próximo paso será falar coa entidade promotora do proxecto, "para coñecer como ve a situación e como se pode reconducir", lembrando que foi a institución a que elixiu a ubicación en Eirís, de entre as que o Concello puxo enriba da mesa, "non só pola súa ubicación senón porque outras posibilidades requirían de trámites urbanísticos máis longos".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible