Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

6 de marzo de 2017

O alcalde destaca que “a nova edición do Fórum Gastronómico na Coruña sitúa á cociña local na vangarda galega e estatal”

Xulio Ferreiro presidiu a presentación do programa destas xornadas, que se celebrarán entre os días 12 e 14 marzo. “Esta edición, no que o número de empresas participantes medra un 30%, está pensada para que se converta nun espazo de participación non só dos e das profesionais da cociña, senón de toda a cidadanía”, dixo o rexedor

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado do concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema (quen tamén é presidente do Consorcio de Turismo da Coruña), presentou este luns os actos que terán lugar con motivo da celebración da 17 edición do Fórum Gastronómico, que terá lugar entre os días 12 e 14 deste mes no recinto ExpoCoruña. O rexedor destacou que se trata "do principal evento de gastronomía a nivel estatal". "Dende un inicio, a aposta do Goberno local e do Concello pola celebración deste evento foi decidida, tendo en conta que nos sitúa no centro da gastronomía galega e estatal, e que ademais é un excepcional reclamo para un turismo de carácter desestacionalizado", comentou. "A Coruña estase a converter nun referente do turismo gastronómico, debido sobre todo á profesionalidade dos colectivos de cociña e restauración da cidade", comentou o primeiro edil, quen manifestou que este ano, o Fórum terá un marcado carácter "atlántico". Ferreiro indicou que esta edición do Fórum estará especialmente marcada "polo prestixio das gastronomía coruñesa e galega", e a intención é que se converta "nun espazo de participación non só dos e das profesionais da cociña senón de toda a cidadanía". "Este Fórum é un evento para toda a cidade", explicou.

De feito, tanto Ferreiro como os directores do Fórum presentes na rolda de prensa, Pep Palau e Jaume Von Arend, destacaron que este ano a cita "será o gran escaparate da gastronomía coruñesa", tendo como eixe temático A Nova Cociña Galega. Está previsto que máis de sesenta cociñeiros e cociñeiras de Galicia participen tanto no auditorio como nos talleres do Fórum, co obxectivo de coñecer a súa cociña en directo. Ademais, o evento contará cun novo espazo, denominado Ágora, no que os protagonistas serán os oficios artesáns relacionados coa alimentación, como o pan, o queixo, o mar e a coctalería, tendo unha marcada presenza os produtos galegos de carácter ecolóxico.

Ademais, o programa do Fórum para estes tres días (pode consultarse en http://www.forumcoruna.com/ga) inclúe obradoiros temáticos con degustacións impartidos polos mellores cociñeiros e cociñeiras do mundo, sesións activas que fomentan a participación, espectáculos de cociña en directo, catas de viños, degustacións guiadas e premios coma dos Picadillo ou o Concurso de Polbeiras e Polbeiros. En total, máis de 200 expositores estarán presentes no Fórum Gastronómico da Coruña nun espazo feiral que medra un 30% con respecto á última edición e con numerosas novidades, como o feito de que do total de empresas participantes, un 45% o fan por primeira vez no Fórum.

En canto ao retorno da celebración do Fórum, o mandatario coruñés indicou que na última edición se contabilizaron unhas 23.000 persoas, e "a actual conta cun 30% máis de expositores". "Con todo, entendemos que o verdadeiro reflexo do impacto deste evento terá lugar tanto a medio como a longo prazo, xa que estas xornadas serven para reivindicar o especial atractivo da cociña coruñesa, como vangarda e referente tanto en Galicia como no Estado".

Por outro lado, e na liña de abrir o Fórum "a toda a cidadanía", o alcalde destacou a celebración, de xeito paralelo, dos eventos comprendidos dentro do programa Fórum Cidade, que serán levados a cabo, coa colaboración do Consorcio de Turismo, polo colectivo coruñés Coruña Cociña, integrado por destacados cociñeiras e cociñeiros da cidade. Entre elas, destaca a celebración, o vindeiro día 11 de marzo, no recinto de Palexco, entre as 12.00 horas e as 24.00 horas, do gastrofestival A Coruña Sabe. Trátase dun espazo aberto a toda a cidadanía, cunha ampla oferta de actividades vinculadas á gastronomía e que reunirá a 18 establecementos da cidade. Contará ademais con actividades infantís, recuncho do café, e túnel do viño, ademais de zonas dedicadas ás denominacións de orixe dos viños galegos.

O domingo 12, coincidindo co peche da primeira xornada do Fórum, e dentro dos actos organizados por Coruña Cociña, nove restaurantes anfitrións da cidade abrirán as súas portas a outros tantos profesionais da gastronomía coruñesa para ofrecer creacións conxuntas elaborando "tapas a catro mans". Pódese atopar máis información sobre as mesmas en https://www.facebook.com/corunacocina/.

A rolda de prensa de presentación dos actos que rodean a celebración do evento culinario contou, ademais de coa presencia do alcalde, o concelleiro Lema, e os directores do Fórum Gastronómico, coa participación Pablo Pizarro, chef da cidade e representante do colectivo Coruña Cociña, ademais, de Manuel Pérez Piñón, en representación de Hijos de Rivera, coma unha das entidades patrocinadoras, e a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud. Tamén asistiu o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, debido a que o ente provincial participa no convenio asinado co Concello e a entidade Fórum Gastronómic SL, que fixo posible materializar a celebración deste evento na cidade.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión