Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de xuño de 2017

O alcalde destaca que o Concello conseguiu o obxectivo de reconducir a reforma da Vedra e pasar "dun proxecto fóra de época a unha avenida urbana que será máis sostible e humanizada"

Xulio Ferreiro lamentou a demora por parte do Goberno central para a elaboración do proxecto de rehabilitación e mellora de Alfonso Molina e salientou a importancia de que “a partir de agora se actúe coa máxima celeridade para que este proxecto sexa canto antes unha realidade”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestouse hoxe sobre o proxecto de ampliación e mellora da Avenida da Vedra, que o Ministerio de Fomento ten en período de exposición pública dende esta xornada, como paso previo a súa publicación no BOE. O rexedor indicou que, a expensas dunha revisión do mesmo en profundidade que poida conlevar necesidades de mellora puntual, "a primeira ollada indica que se trata dunha noticia positiva" xa que o proxecto recolle de forma xeral "a postura que o Concello defendeu dende o principio". "Fomos capaces de reconducir un proxecto que entendiamos que estaba fóra de época, baseado unicamente no asfalto, e ir a outro que pasa por unha avenida urbana que introducirá melloras nas cuestións tráfico pero que, á vez, dará solución a moitos outros problemas", destacou o rexedor, que fixo fincapé en que as achegas municipais lograron que o proxecto "dea resposta á problemática da relación da avenida cos máis de 30.000 veciños e veciñas que viven nas súas marxes". "Conseguimos dar unha solución a problemas de conectividade, sendo a demandada pasarela de Pedralonga un elemento esencial que esperemos que se execute canto antes", engadiu, en relación á segregación desta infraestrutura do conxunto do proxecto na busca de maior celeridade. "A introdución dos carrís bici e a humanización en global da avenida é algo que este Concello defendeu dende o principio en todo o proceso negociador que culminou o pasado ano", indicou, quen insistiu en que "non obstante, agora é o tempo de mirar con lupa o proxecto", ante a posibilidade de que nalgún tema en concreto sexan necesarias melloras.

O mandatario saudou, por tanto, a exposición pública do proxecto, aínda que lamentou a demora do mesmo por parte do Ministerio de Fomento, "xa que contabilizamos un atraso de case un ano dende que chegamos a un acordo". Ferreiro comentou que o Concello xa está a analizar polo miúdo ao estar en período de exposición pública. "O que pedimos neste momento é máxima celeridade no prazos de execución da obra unha vez remate este período de exposición, para que esta obra se converta nunha realidade", explicou.

Por outro lado, o alcalde tamén foi preguntado hoxe polo acordo entre o R.C. Deportivo da Coruña e a financeira con sede na cidade, Abanca, pola que a entidade deportiva poderá cancelar a débeda urxente con Facenda. "Dende o Deportivo se nos indicou que esta operación era moi importante de cara ao refinanciamento da súa débeda, o que lle permitiría quitarse unha lousa moi importante e dar un salto de calidade que por suposto tamén sería bo para a cidade, xa que ademais de símbolo popular e icono coruñés, o Dépor tamén é un motor económico de primeiro orde", relatou o primeiro edil. "O que se nos pedíu foi a autorización do nome comercial para as competicións nas que xogue o Dépor. O noso estadio, especialmente simbólico para a cidade, segue a chamarse de forma oficial Estadio Municipal de Riazor, pero lle damos esa autorización para que no marco das comunicacións do club e nas competicións poida engadir ese nome comercial, por outro lado, dunha empresa da cidade", comentou. "Dáse unha conxunción que non existe noutros estadios, onde si hai nomes comerciais, que non obstante nada teñen que ver coa cidade", opinou, lembrando tamén que o acordo asinado co Deportivo "tamén beneficia ao deporte base municipal, á difusión da imaxe da cidade, ás importantes melloras do estadio de Riazor e a proxectos de grande valor para A Coruña".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión