18 de outubro de 2017
Xulio Ferreiro convidou ao resto de grupos da Corporación municipal a realizar, no prazo dun mes, as consultas e suxestións que consideren
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, entregou esta mañá ao voceiro e ás voceiras dos grupos que conforman a Corporación municipal o segundo informe entregado ao Concello pola comisión de expertos da Universidade da Coruña sobre a conformación da futura área metropolitana, as súas competencias e a súa estrutura interna. Segundo indicou o rexedor na reunión da Xunta de Portavoces, o obxectivo é que o resto de formacións que conforman o arco municipal poidan realizar, no prazo dun mes, achegas, consultas e suxestións sobre a conformación da futura área a partir do estudo do documento, que ten como fin último facilitar o proceso que pretende derivar na aprobación, por parte do Parlamento galego, dunha lei específica que cree e regule a nova estrutura supramunicipal. "Apostar pola área metropolitana é apostar pola cidade", dixo o primeiro edil coruñés, que emprazou a todas as formacións da corporación municipal a participar neste proceso que "será crucial para definir as políticas urbanas e a cidade que queremos para os próximos 50 anos".
O citado documento --o segundo informe encargado ao equipo de xuristas da Universidade da Coruña a este respecto-- xa foi presentado este luns, para o seu estudo por parte dos concellos, ante a mesa de alcaldes e alcaldesa da área metropolitana. A este respecto, acordouse convocar unha nova reunión para mediados do vindeiro mes de novembro "para, empregando o informe da UDC como guía de preguntas, avanzar no debate concreto das características que vai ter a futura área metropolitana, tanto no que ten que ver coas súas competencias e o seu financiamento como coa estrutura interna e cos sistemas de elección dos órganos e a toma de decisións".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible