28 de setembro de 2016
Xulio Ferreiro sinala que o novo centro, “un espazo vivo” no que se propiciará a relación entre empresas e profesionais, “é un dos alicerces do novo Plan Municipal de Emprego”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, inauguraron esta mañá o novo Centro de Empresas ACCEDE Papagaio. O viveiro municipal nace como unha proposta para fomentar iniciativas empresariais locais marcadas especialmente pola innovación "e que está chamado a ser un dos elementos de dinamización económica da cidade e de formación de emprego", sinalou o alcalde. A este respecto, o rexedor afirmou que "é un lugar de valentía que se debe cimentar con innovación, asociacionismo e con tecnoloxía". "O Papagaio será un espazo vivo, que constituirán persoas cargadas de futuro, veciñas e veciños que apostan por desenvolver nel os seus proxectos", expuxo o primeiro edil. "Este viveiro é un dos alicerces do novo Plan Municipal de Emprego, que busca asentar o emprego de calidade, e que aposta polo traballo estable e digno. Agardamos que todo o que aquí se emprenda, medre e sirva para fomentar e consolidar o traballo de calidade na Coruña e en Galicia", dixo o rexedor.
Durante a inauguración do centro de empresas --ao que acudiron representantes de distintas institucións e entidades do tecido empresarial da cidade, ademais de membros de todos os grupos da Corporación municipal-- o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, destacou a posta en marcha deste espazo --que está constituído por 74 módulos de traballo-- situado no centro da cidade, "como un lugar de traballo colaborativo promovendo as súas sinerxias e interrelacións". "Este viveiro de empresas conta con 700 metros cadrados con capacidade para acoller a un total de 62 módulos que albergarán tanto a empresas en fase de preincubación, aínda por constituír, como por empresas que non superen os dous anos dende o seu nacemento", explicou o edil. Ademais dos espazos destinados propiamente ás iniciativas empresariais, ACCEDE Papagaio conta tamén con instalacións destinadas a outros fins. É o caso do espazo Nube, con capacidade neste caso para 12 módulos de traballo, destinada a persoas que non vaian ter unha estancia permanente no centro. O Papagaio tamén conta cun espazo Conecta, de 170 metros cadrados, destinado a potenciar o networking a través de charlas, xornadas, debates e outras actividades colectivas.
Así mesmo, Lema destacou que o centro de empresas do Papagaio "está destinado non só a ser un espazo cun alto grado de innovación e, preferente, de base tecnolóxica, senón tamén un verdadeiro foro de debate sobre o futuro económico da cidade, nomeadamente, sobre as posibilidades de desenvolvemento na industria das tecnoloxías da información e a comunicación". Así, destacou os cursos de formación municipais que se desenvolverán neste centro e que terán temática empresarial. Esta mesma tarde, de feito, terá lugar a primeira sesión das Xornadas Planeta Coworking, que contará coa presenza de emprendedores destacados en traballo colaborativo como é o caso de Raúl do Pozo Ortés, CEO e socio fundador de Cink Emprende, Manuel Zea, de CoworkingSpain, e Vanessa Sans, consultora de Happy Working Lab.
Uso do espazo compartido
Para poder optar á utilización das infraestruturas e servizos que ofrece o espazo compartido, as persoas interesadas poden presentar a súa solicitude ao Concello, xa que ACCEDE Papagaio conta cun sistema de convocatoria aberta e de carácter permanente. As bases reguladoras do mesmo sinalan que un comité técnico, conformado por persoal municipal, ademais de representes da Universidade da Coruña, o IGAPE, a Cámara de Comercio e entidades do sector privado especializadas en materia de emprendemento, avaliarán os proxectos que queiran asentarse no espazo municipal.
Toda a información sobre ACCEDE Papagaio, así como as bases da convocatoria para a presentación de solicitudes e requisitos para optar ao uso das instalacións, pode consultarse en www.coruna.gal/papagaio e na páxina de Facebook www.facebook.com/emprendementocoruna.
Está previsto que mañá, xoves, se reúna por vez primeira o comité técnico que se encarga de avaliar os proxectos que optan a entrar no Papagaio. Esta reunión de expertos e expertas na materia analizará xa as primeiras solicitudes.
Colaboración
Durante a presentación do novo espazo, o rexedor destacou que este viveiro de empresas debe "quedar alonxado da confrontación política". "Hai camiños que non se poden nin se deben andar sós. Para este Goberno é fundamental propiar a relación entre empresas e profesionais nun mesmo entorno, de forma que esteamos a dar máis oportunidades de consolidar o crecemento", afirmou Ferreiro. "Debemos impulsar a creación de novas entidades empresarias, en especial aquelas que basean a súa actividade no ámbito tecnolóxico, así como fomentar a cultura colaborativa, o apoio e asesoramento de persoas empreendedoras e a creación de espazos de reflexión, participación e cooperación de todos os sectores implicados na promoción económica", sinalou. Neste sentido, o alcalde amosou a súa satisfacción de "ter sacado adiante" o proxecto "de forma coordinada co resto de actores da cidade implicados no sector empresarial e do emprego". Así, destacou, entre outros moitos, a colaboración institucional da Deputación da Coruña (que achegará 150.000 euros en dous anos mediante convenio) así como da Cámara de Comercio da Coruña e da Fundación Incyde. "Cando falamos de potenciar o emprego e, por tanto, xerar tecido económico nunha cidade, non pode haber lugar para partidismos. Cando falamos de políticas de emprego, falamos de dotar de autonomía as persoas. Por iso espero que este proxecto non sexa empregado como obxecto de confrontación nin de disputa, senón de traballo conxunto. Vai no seu ADN", expuxo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible