25 de febreiro de 2016
Xulio Ferreiro e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, recibiron no Concello aos e ás estudantes que participarán no programa Acoreuropa IV, de prácticas profesionais no estranxeiro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, participaron hoxe na recepción, no Salón de Plenos do Pazo de María Pita, dos e das 30 estudantes que participarán na primeira convocatoria do programa municipal Acoreuropa IV, que promove a aprendizaxe e a formación do alumnado coa realización de prácticas profesionais en compañías de diversos países de Europa como Irlanda, Reino Unido, Austria, Italia e Portugal durante tres meses. O programa está dirixido a titulados e tituladas en ciclos medios de Formación Profesional e desenvolverase ata xuño de 2017. O rexedor destacou que este programa, así como outros impulsados dende o Concello, “amosa a aposta decidida deste Goberno local pola educación pública”. “Por unha formación ao alcance de todos e todas que non estea mermada, que se basee nun principio de igualdade e que ofreza a todo o estudantado as mesmas oportunidades”, incidiu.
“A educación é a grande riqueza dun pobo, e polo tanto, é responsabilidade de quen goberna poñer esta ao alcance de todos e de todas, dar as mesmas oportunidades de formación a todos os veciños e veciñas. Dentro das nosas limitadas competencias en materia educativa tratámolo de facer. Esperamos que o resto de administracións tamén se dean conta de que garantir unha educación en igualdade é unha obriga para o que lexisla, e un dereito para a cidadanía”, dixo.
O primeiro edil tamén fixo fincapé no fenómeno da emigración xuvenil, que se disparou durante a crise económica. “Este Concello traballa, e traballará sempre, para que os nosos mozos e mozas non se vexan obrigadas a ir fóra a buscar un emprego ben remunerado que se axuste a súa ampla formación. O faremos non só porque sexa o noso deber, senón porque sodes o verdadeiro valor de futuro desta cidade”, comentou aos bolseiros e bolseiras presentes no Salon de Plenos. “Formádevos, aproveitade todas cantas oportunidades se poñan ao voso alcance, viaxade, marchade se iso é o que queredes, pero que ninguén vos obrigue a facelo”, finalizou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible