O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, foi o encargado de inaugurar na mañá deste venres as Xornadas de Familia que organiza o Colexio de Avogados e o Consello da Avogacía Galega, cunha intervención onde o rexedor incidiu no papel dos e das menores nestes procesos xudiciais, e onde avogou por ter en conta os seus dereitos. “Nos preitos vemos como, lamentablemente, o interese superior dos e das menores non sempre se ten en consideración, e como son utilizados como moeda de cambio, como centro dunha guerra onde se esquece o seu dereito para intentar patrimonializalo”, lamentou Ferreiro, que apostou por “introducir formas novas de aplicar o dereito no Dereito de Familia” e lembrou a importancia da mediación neste campo.
O alcalde tocou outros temas aos que atinxe o Dereito de Familia, como as cuestións económicas, ou da violencia sobre a muller nas relacións de parella, que están presentes no programa das Xornadas, onde se falará, entre hoxe e mañá, de asuntos como a mediación, o papel das novas tecnoloxías e as redes sociais no Dereito de Familia, a liquidación das sociedades de gananciais ou o a custodia. Neste sentido, o rexedor animou aos e ás participantes a “compartir coñecementos e experiencias”.