26 de abril de 2016
Xulio Ferreiro, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, María García, mantivo esta tarde unha xuntanza con Beatriz Mato, onde lle recordou a necesidade de que a Xunta inste á empresa concesionaria de Nostián a cumprir a orde de selar os depósitos cheos do vertedoiro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta tarde coa conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, nunha xuntanza “cordial” celebrada na delegación do Goberno autonómico na Coruña e na que tamén estivo presente a concelleira con competencias nesta área, María García. Segundo explicou o rexedor, o Goberno municipal tratou coa conselleira e o seu equipo “diversas cuestións relativas a auga e o saneamento” na cidade e na comarca, para as que solicitou “colaboración e financiamento do ente autonómico”. Ademais, Ferreiro presentou un ambicioso proxecto do Executivo local que pasa por “acometer a rexeneración do Río Pastoriza”. O primeiro edil fixo fincapé en que “o resultado non só beneficiaría á Coruña, senón a toda a contorna”.
“Nestes momentos, o río está a verter directamente na rede de saneamento, provocando por tanto problemas de xestión na Edar de Bens”, explicou Ferreiro. “O que lle presentamos á conselleira é un proxecto de canalización dese fluvial ao Río Monelos que sirva, ao mesmo tempo, para rexenerar e para sacar o río á superficie nalgún dos seus tramos. Isto mellorará non só o valor medio ambiental e sostible da cidade, senón que tamén será punto de goce e disfrute para a veciñanza”, comentou ante a prensa.
Ferreiro insistiu en que o proxecto do Río Pastoriza é “especialmente interesante” xa que “por un lado evita que as augas cheguen de forma masiva á Edar e, por outro lado, aposta pola rexeneración e posta en valor do río”. A propia conselleira Mato manifestou o interese da Xunta no plantexamento do Concello. “Queremos coñecer en profundidade este proxecto e vimos de ofrecernos a traballar cos técnicos municipais para avaliar en que medida a consellería pode participar no desenvolvemento do mesmo”, indicou a representante da Xunta de Galicia.
Na xuntanza, o alcalde tamén expuxo á titular autonómica de Medio Ambiente outra problemática relacionada coa Edar de Bens é que ten que ver coa entrada de auga salgada. “Falamos con ela tanto desta situación, que dificulta á xestión da depuradora, como de algún defecto construtivo no que cremos que a Xunta pode axudar”, comentou.
Nostián
Tal e como fixo notar o alcalde, durante a xuntanza tamén se lle trasladou á conselleira a petición do Goberno local para que a Xunta inste á empresa Albada a cumprir a resolución emitida pola administración autonómica, pola que se lle obriga a selar o vertedoiro, e se lle lembre o prazo do que dispón para acometer o selado, para dar así solución “a ese problema ambiental”. “Ás dúas administracións interésanos que se cumpra a normativa ambiental, por iso hoxe lle insistimos á conselleira para que apremie á empresa a facer o que xa se lle dixo hai dous meses que tiña que facer, que era selar o vertedoiro, e que ese selado era responsabilidade exclusiva da empresa”, incidiu o rexedor.
Neste ámbito, Ferreiro manifestou a aposta do Concello da Coruña e da comarca polo seu modelo de xestión de residuos, “que se basea na separación en orgánico e inorgánico”. “O modelo de xestión non se discute. Entendemos que, como tal, é válido, e cremos firmemente nel. É certo que Nostián ten problemas derivados dos anos en funcionamento e que para esta planta está rematando un ciclo, polo que fai falta un investimento para comezar o novo ciclo que mellore os procedementos, o tratamento, a reciclaxe, a redución dos residuos e compostaxe. O que queremos é prepararnos para ese novo ciclo en 2019, cun compromiso conxunto”, avanzou, para sinalar que os pasos dados a semana pasada nas mesas de traballo desenvolvidas cos concellos da área metropolitana “van nesa dirección”. “E nós temos aí postas as nosas enerxías para o futuro”, engadiu.
Nese sentido, o primeiro edil coruñés explicou que “cando falamos da xestión de residuos a ninguén se lle pode escapar que temos que ter unha visión de comarca”. “Falamos a nivel de área metropolitana, porque cremos que é necesario ter unha xestión dos residuos sólidos urbanos común a toda a área metropolitana, un desexo que plasmamos todos os concellos a pasada semana no Pazo de Mariñán”, recordou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible