Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

27 de xullo de 2017

O alcalde presenta o Campionato do Mundo de Snipe, que se celebrará do 1 ao 11 de agosto na Coruña, "un exemplo máis da relación da cidade co Atlántico nunha das súas vertentes imprescindibles, como é o deporte náutico"

Xulio Ferreiro sinala que o evento, no que participarán máis de 200 regatistas, “situará á cidade no epicentro da vela mundial durante as Festas de María Pita”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá no Pazo de María Pita o Campionato Mundial de Snipe, competición que se celebrará na Coruña entre os días 1 e 11 de agosto. O rexedor destacou que a cita deportiva, que promove o Real Club Náutico coa colaboración do Concello, coincidirá no tempo coas Festas de María Pita e "situará á cidade e as súas augas no foco mundial da vela durante o mes de agosto". A celebración desta iniciativa no municipio incide, "á vez", segundo Ferreiro, "no compromiso do Goberno local co lecer e deporte náutico". "O Goberno local reafirma a súa aposta da Coruña como cidade atlántica e mariñeira, por mirar cara ao mar e afondar na relación do municipio co seu patrimonio natural e co Atlántico tamén nunha das súas vertentes máis singulares e que cremos imprescindibles, como é o deporte náutico", destacou Ferreiro. O primeiro edil coruñés lembrou, a este respecto, que no pasado mes de xullo a Enseada do Orzán acolleu "a Champions League das traiñeiras, coa primeira edición da Bandeira Cidade da Coruña", pero que a actividade deportiva náutica continuará esta fin de semana co Campionato de España de Pesca Submarina, no mes de agosto coa Bandeira Teresa Herrera ou proximamente co impulso ás bases náuticas, "que completarán a actividade das Escolas Deportivas Municipais, ou o regreso da Tall Ships Races, de cara ao ano 2020". "O deporte é unha ferramenta imprescindible para mirar polo futuro da nosa veciñanza e da cidade, como é imprescindible mirar o mar, como parte da nosa historia, memoria e tradición, pero tamén do noso presente e futuro, de todas as potencialidades desta cidade", aseverou.

O Campionato Mundial do Snipe acollerá dúas competicións, da categoría Xuvenil e Open, que admitirá tamén participantes da primeira. Entre as dúas modalidades, haberá máis de 200 regatistas de 18 países diferentes, "entre os que se atopan campións do mundo, de Europa ou dos Xogos Panamericanos", segundo avanzou o alcalde, que estivo acompañado de Germán Suárez-Pumariega, presidente do Real Club Náutico da Coruña, a quen agradeceu o seu impulso na organización do evento. No acto tamén estiveron presentes Martín Bermúdez, Secretario Xeral en Europa da Snipe Class International Racing Asssociation (SCIRA) e Marta Míguez, Secretaria Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.  A competición xuvenil desta embarcación de vela lixeira celebrarase entre os días 3 e 6 de agosto --os días 1 e 2 serán as xornadas de medición--, mentres que o Open será entre os días 7 e 11. As regatas comezarán todos os días ás 12.00 horas, e, no caso do mundial xuvenil, celebraranse até 3 regatas por día --até un máximo de 9--. No campionato Open, no que tamén serán 3 regatas por día, poderán ter lugar até un máximo de 11.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión