Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de abril de 2018

O alcalde recibirá en maio ao vicepresidente da Área Metropolitana de Barcelona, un encontro que supón “unha oportunidade de coñecer o modelo de gobernanza de experiencias supramunicipais exitosas”

O tamén alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, que realizará unha visita de carácter institucional ao Concello os días 3 e 4 do mes vindeiro, acudirá tamén como convidado a unha reunión da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa da Área Metropolitana da Coruña

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, confirmou este luns a próxima visita ao Concello, os vindeiros días 3 e 4 de maio, do vicepresidente executivo da Área Metropolitana de Barcelona (AMB) e alcalde de Cornellà, Antonio Balmón, que acudirá para trasladar a súa experiencia de gobernanza metropolitana. Como destaca o rexedor, "encontros coma este son fundamentais de cara a coñecer modelos metropolitanos que están a funcionar en todo o Estado". Está previsto que Balmón (PSC) manteña unha xuntanza con todo o grupo de goberno, despois de ser recibido polo primeiro edil coruñés. Do mesmo xeito, terá ocasión de coñecer aos e ás voceiras da oposición que así o desexen e asistirá, como convidado, a unha reunión da Mesa de Alcaldes e Alcaldesa Metropolitana.

"Levamos moitos meses traballando para ter unha área metropolitana real, un organismo que sirva para articular o modelo de gobernanza que dea resposta ás necesidades das nosas veciñas, que xa non se moven por límites administrativos. Esta área metropolitana debe estar referendada polo Parlamento de Galicia. A Área Metropolitana de Barcelona constituíuse, de forma oficial, no ano 2011, logo de que o Parlamento catalán lle dese luz verde un ano antes. Coñecer a súa experiencia e, sobre todo, o modelo de gobernanza que desenvolve, resulta de grande utilidade á hora de abordar o traballo que temos por diante", indicou Ferreiro, que recordou que Balmón, ademais de ostentar a vicepresidencia da área, coordina a acción de goberno metropolitano, así como o desenvolvemento dos proxectos incluídos no plan de actuación metropolitano.

A Área Metropolitana de Barcelona está conformada por 36 municipios. Tras a súa constitución, asumiu o traballo das tres grandes entidades metropolitanas vixentes até esa data: a mancomunidade de municipios da área metropolitana de Barcelona, a Entidade de Medio Ambiente e a Entidade Metropolitana de Transporte. "Sendo o coidado e a posta en valor do medio ambiente e o transporte unhas das nosas principais liñas de actuación e reivindicación dentro da futura área coruñesa, poder coñecer o traballo de Balmón parécenos unha experiencia moi beneficiosa", comentou Ferreiro, quen recordou que a importancia da área metropolitana "tanto aquí, como en Catalunya e no resto do Estado está por encima das siglas e os intereses partidistas".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión