27 de abril de 2018
Xulio Ferreiro evidenciou, na primeira xornada do foro ‘Tecendo Litoral’, “que os convenios de 2004 sobre os peiraos interiores non cumpren ningún dos requisitos que agora demanda á cidadanía, que quere alonxar estes espazos da especulación”
O alcalde, Xulio Ferreiro, reivindicou esta mañá, no Foro Cidadán Tecendo Litoral un espazo de participación e escoita activa no que se trata de definir, da man da cidadanía, o futuro e os posibles usos dos peiraos interiores da cidade que se vaian desafectando, a necesidade de que a veciñanza participe de forma activa e sexa tida en conta no deseño da futura fachada atlántica da cidade, xa que "A Coruña non é a servilleta de ninguén" . Na xornada inaugural dun foro aberto a toda a veciñanza e que terá a súa continuación durante este sábado, Ferreiro insistiu no feito de que "as cidades non se poden construír a porta pechada, entre gravatas, pasándolle logo a factura a varias xeracións de cidadáns e cidadás inocentes, coma se fosen simples espectadores". "As cidades son creacións colectivas. A Coruña quere e debe decidir o futuro da Coruña e, se de min depende, así será", dixo. O foro contou na súa inauguración coa asistencia, á marxe dos e das relatoras e outras persoas asistentes, dunhas 200 persoas, rexistrándose perto de 250 inscricións.
O proceso de definición participada, coa cidadanía, dos usos e oportunidades dos terreos do bordo litoral comezou xa hai meses, cando se iniciou o proceso Tecendo Litoral. Durante a primeira fase do mesmo levouse a cabo unha investigación sobre as posibilidades deste espazo. Segundo explicou o rexedor nunha mesa na que se compartiron as primeiras conclusións, "o estudo constata algo que xa sabiamos, que hai un sentido común novo nesta cidade, unha vontade cidadá emerxente que xa non colle no traxe deseñado para os terreos portuarios hai década e media, nos convenios asinados en 2004". Así, recordou que ese "sentido común" foi o que sacou a máis de 4.000 persoas á rúa hai agora un ano, en defensa do común e da titularidade pública dos peiraos interiores.
Primeiras conclusións
O alcalde deu conta das ideas aparelladas a ese sentir cidadán e que veñen referendadas pola investigación encargada polo Concello. Así, enumerou as que están chamadas a ser "a base dun gran proxecto de cidade". "Os estudos realizados indican o desexo da cidadanía de que os terreos portuarios que se vaian desafectando se poñan ao servizo do ben común, garantindo non só a súa titularidade pública, senón a iniciativa e a xestión institucional e concertada na súa transformación", indicou o primeiro edil, que tamén salientou que "queda referendado que a cidadanía ten e sente unha identidade marítima coruñesa, ligada ao Atlántico dende a súa fundación e ao longo da súa historia".
A investigación tamén destaca que a definición participada dos usos da fachada litoral "é unha nova oportunidade de volver conectar a cidade co mar, no só no centro, senón tamén nos barrios, e de facelo mediante unha aposta polos equipamentos e un espazo público de calidade". Entre esas primeiras conclusións tamén salienta "a responsabilidade de abordar a transformación da beira atlántica no seu conxunto, dende a Solana até a Pasaxe, e de facelo cunha ollada metropolitana", así como "a necesidade de incorporar á reflexión sobre a reconquista dos terreos portuarios as preocupacións ambientais e da mobilidade sostible". O alcalde tamén destacou que "queda claro o rexeitamento frontal da especulación que noutro tempo se planificou, a conciencia do potencial dunha parte dos terreos como motor económico, non só para as actividades portuarias e vinculadas á pesca, senón para o impulso doutras complementarias e innovadoras e o irrenunciable dereito da Coruña a decidir o futuro da Coruña, sen imposicións nin chantaxes".
Revisión dos convenios de 2014
"Ningunha destas ideas que agora compartimos cabe nos convenios que foron subscritos entre febreiro e outubro de 2004 entre os concellos da Coruña e Arteixo coa Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento", manifestou, en alusión á demanda institucional de revisar estes acordos. Neste punto, o mandatario local tamén contrapuxo o modelo de deseño participado do bordo litoral que intenta implementar o Concello da Coruña co que se evidenciou hai 14 anos. "Eses convenios foron aprobados no Pleno sen participación pública, mediante un trámite de urxencia e sen estimar nin ter en consideración ningunha as alegacións presentadas, nun caso, ou que nin sequera pasaron polo Pleno no outro", explicou. "Esas condicións, hoxe, serían inviables. Non porque o alcalde sexa outro, senón porque o tempo é outro e a sociedade é outra", dixo.
Protocolo "sen proxecto"
Na súa intervención, o alcalde recordou que aqueles convenios, que se puxeron en marcha para garantir financiamento para o porto exterior de Punta Langosteira, "eran unha auténtica hipoteca". "Nos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, unha zona de 65.000 metros cadrados, se contemplaba a construción de edificios de até nove plantas para usos fundamentalmente comerciais e hoteleiros, mentres que en San Diego, unha área moito maior, próxima aos 380.000 metros cadrados, se planificaba a construción de 4.000 vivendas en bloques de até 10 alturas, dedicando outra parte a usos terciarios", recordou.
"Calquera iniciativa que pretenda manter a vixencia destes convenios, como é o caso do protocolo asinado hai escasos días pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento, supón prorrogar unha hipoteca e darlle osíxeno a un proxecto sen proxecto", subliñou. "Nin o financiamento da Autoridade Portuaria nin a súa débeda poden condenarnos á destrución irreversible da fachada litoral e portuaria da Coruña, moito menos cando hai outras alternativas, tanto de financiamento estatal como da Unión Europea, ao amparo dos novos regulamentos de axudas e de réxime financeiro dos portos, ademais da propia xeración de recursos ordinarios dun porto que, por agora, segue sen conexión ferroviaria", fixo notar.
Proxecto contrastado coa cidadanía
Á vista tanto do protocolo asinado por Xunta e Ministerio de Fomento a pasada semana, como dos primeiros resultados da investigación encargada polo Concello, o alcalde insistiu en que o Foro Cidadán Tecendo Litoral e os debates que nel se desenvolverán durante a fin de semana deben permitir, ao seu remate, "elaborar un marco compartido". "Unhas bases a partir das cales, de maneira participada e concertada, contando con todas as mans, sexa posible propoñer e contrastar coa cidadanía un proxecto de futuro, non unha operación aritmética nin un balance de resultados", dixo.
"Este foro non é o comezo nin o final de nada, é unha estación intermedia que ten que servir para iso, para sentar unhas bases, para ampliar a perspectiva, para facernos conscientes do que nos xogamos e para darnos as ferramentas necesarias para as decisións que están por vir", manifestou. "O noso litoral é amplo e rico en posibilidades, temos que escoller se queremos que se sexa unha barreira ou unha ponte, unha porta, unha pasarela", destacou.
"O bordo litoral pode ser unha barreira administrativa, unha fronteira invisible entre dous poderes públicos que a veciñanza nin ve nin entende, ou pode ser unha ponte de cooperación e defensa do interese común", dixo, á vez que recordou que o Concello, como a cidadanía da Coruña, en ningún caso pode verse excluído do debate e deseño do futuro do bordo litoral. "Confío en contar con todos e todas vós, e tamén cos que faltan, nas vindeiras etapas do camiño. Estou convencido de que queredes ser protagonistas e de que pensades, coma min, que A Coruña non é a servilleta de ninguén", resolveu.
Participantes
Durante o acto inaugural do foro, no que participan máis de 19 relatores e relatoras nos ámbitos da arquitectura, o urbanismo, a economía, a pesca, a innovación, a historia, a arqueoloxía e o tecido social, e que dá continuidade a un proceso de investigación durante o que foron entrevistados máis de 60 axentes de distintos ámbitos, o alcalde salientou a participación "de múltiples actores da vida económica social e académica da Coruña". Ferreiro agradeceu a participación de todas as entidades presentes, dende os colexios profesionais aos sindicatos e, especialmente, a participación da Federación de Asociacións Veciñais, da Universidade da Coruña e da Confederación de Empresarios. De feito, na mesa de inauguración do acto estiveron presentes os e a principal representante destas institucións: Luisa Varela, Julio Abalde e Antonio Fontenla.
Ademais de á cidadanía presente e participante, o rexedor coruñés tamén agradeceu a presenza de alcaldes e alcaldesa da Área Metropolitana, como o de Sada, Oleiros, Culleredo, Cambre e Bergondo, así como a participación de representantes de distintas administracións e formacións políticas.
Ao respecto, o primeiro edil lamentou a ausencia na mesa de inaugural dos presidentes da Xunta, Puertos del Estado e Autoridade Portuaria, convidados a participar. "Esta fin de semana construímos dende a certeza de que o debate sobre a fachada atlántica non entende, nin pode entender, de políticas partidistas nin intereses de parte. Este foro quere escoitar a vosa voz, porque non podemos abordar este debate dende a exclusión. Non podemos abordar o debate sobre o futuro da Coruña sen deixar que fale A Coruña. A nosa man segue tendida, porque no futuro da cidade temos que sumar", indicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible