14 de marzo de 2016
O acordo firmado entre as tres entidades céntrase na atención de menores en risco de exclusión social, “coa fin de garantir a igualdade e desbotar as estatísticas que din que a pobreza se herda”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinou esta mañá un convenio colaborativo entre o Concello, a Consellería de Política Social da Xunta, dirixida por José Manuel Rey Varela, e a Fundación La Caixa, representada polo seu director corporativo de área Social, Marc Simón. Á firma tamén acudiu a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán e o director de área de negocio de Caixabank na Coruña, José Manuel Caamaño. O obxectivo do citado convenio é establecer un marco de colaboración entre as tres entidades a fin de coordinar os esforzos dirixidos a optimizar a aplicación do Programa CaixaProinfancia nunha área xeográfica determinada dentro do ámbito urbano da cidade da Coruña. O primeiro edil destacou a “fundamental colaboración entre institucións públicas para abordar programas coma este, deixando a un lado as diferencias e as procedencias políticas”.
O programa CaixaProinfancia está destinado a facilitar tanto a situación dos nenos e nenas, como das familias, en risco de exclusión social. “A colaboración prevista neste convenio céntrase en establecer e desenvolver un procedemento de actuación que permita identificar ás familias que teñan menores e se atopen en situación ou risco de exclusión social, así como informalas do citado programa”, reza o convenio firmado este luns. As administracións públicas asinantes deste convenio cooperarán no traballo que se desenvolva con estas familias ao abeiro do programa coa finalidade de que este teña carácter integral. O programa, segundo se explicou na presentación “intenta romper a estatística de que unha persoa é pobre porque os seus pais o son”. Así, o convenio garante a posta en marcha dun proxecto baseado na educación e que contempla axudas para a compra de materiais, alimentación, hixiene, e incluso lentes dos e das menores de até 18 anos procedentes de familias en risco de exclusión. O programa comenzará a desenvolverse naquelas zonas da cidade que presenten unha maior concentración de persoas en situación de necesidade e, en concreto, con 50 familias en situación de risco.
O rexedor coruñés destacou que “este convenio vai adicado a atallar problemas asistenciais, sendo especialmente relevante por abordar a situación de menores”. “Con isto tratamos de garantir a igualdade de oportunidades, que a pobreza non sexa algo hereditario”, indicou o primeiro edil, que reivindicou “a colaboración entre administracións”. “Temos que deixar de lado as diferencias e as procedencias políticas e traballar sempre poñendo primeiro ás persoas. A firma de hoxe é un exemplo, que espero que se repita”, indicou.
Tanto o Concello como a Consellería de Política Social e a Fundación La Caixa comprométense a indentificar a analizar de forma conxunta a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias dentro do municipio da Coruña e que requiren “máis alá da atención a necesidades puntuais, dunha formulación global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias”. As tres entidades integrantes do convenio acordan ademais definir unha proposta de servizos conxunta que permita responder as necesidades dos e das menores e das familias, así como optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos e impulsar o traballo en rede, como mellor forma organizativa pra o desenvolvemento da acción social.
En concreto, o Concello comprometense a “apoiar o programa CaixaProinfancia a nivel institucional, así como colaborar na súa implementación no municipio impulsando que as administración públicas asinantes deste convenio cooperen no traballo que se leve a cabo coas familias”, así como apoiar as entidades sen ánimo de lucro colaboradoras no programa.
Coa fin de dar cumprimento ás obrigas e compromisos de cada participantes no convenio constituirase unha comisión de seguimento con representación de todas as partes. O convenio estenderá a súa vixencia ata finais de 2018.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible