14 de xuño de 2016
Xulio Ferreiro participou nun acto no que insistiu en que “o labor das institucións é dotar aos centros públicos das ferramentas necesarias para garantir que A Coruña será unha cidade máis xusta”, e recordou o orzamento dun millón de euros da Administración local destinado “a arranxar centros educativos que nin sequera son da súa titularidade”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este martes no acto de celebración do 125 aniversario do instituto Eusebio da Guarda. No mesmo, o rexedor, referendou o compromiso do Concello da Coruña coa educación pública de calide, e coa necesidade de dotar aos centros "das ferramentas e recursos necesarios para garantir que esta siga a ser unha cidade ilustrada, e que a formación de calidade que reciban os e as alumnas contribúa a que esta cidade sexa nun futuro máis xusta, máis igualitaria e máis culta". "Como no caso da propia figura de Eusebio da Guarda, o labor dos e das benefactoras desta cidade é recoñecida e louvada, mais non nos enganemos, deben ser as institucións públicas as que en primeira instancia se encarguen de velar pola nosa cidade. Tanto o Concello do que son alcalde, como a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado", explicou.
O alcalde recordou que o compromiso da Administración local cos centros educativos é clara. "Este ano temos orzamentado un millón de euros para investir en obras de mellora e reparación en colexios públicos da cidade. A realidade é que imos investir máis que a propia Xunta de Galicia, sendo ela a titular destes espazos", dixo. "Nós poñemos un millón de euros para arranxar inmobles nos que, a pesar de ser doutra institución, as que estudan son as nosas e os nosos nenos", comentou.
Por outro lado, o primeiro edil indicou que o IES Eusebio da Guarda é "un dos símbolos desta cidade, ligado inexorablemente ao termo Educación". "Estes muros recórdanos que A Coruña foi e segue a ser unha cidade ilustrada, canteira de persoas que contribuíron a facer desta unha sociedade mellor", comentou Ferreiro, que engadiu que nesta xornada "non só estamos a celebrar o aniversario deste centro, tamén celebramos o cumpreanos dunha parte importante do patrimonio inmaterial e da memoria desta cidade. Rendemos homenaxe a todas as mulleres e homes que pasaron por aquí ao longo destes 125 anos, e que foron e son a semente da Coruña do futuro". "Por este edificio, que tamén destaca pola súa construción, pasaron moitas coruñesas e coruñeses, así como veciños da cidade que non naceron aquí. Novoa Santos, María Wonenburguer ou, por suposto, Picasso", apuntou.
O alcalde estivo acompañado da concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, nun acto no que tamén estiveron presentes, entre outros, Julio Abalde, reitor da UDC, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, Isabel Ruso, a directora do IES Eusebio da Guarda e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible