29 de agosto de 2016
Xulio Ferreiro e a edil de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recibiron hoxe en María Pita aos 11 nenos saharuís que veñen de pasar mes e medio na cidade, e ás súas familias familias de acollida, a quen agradeceron a súa “entrega e xenerosidade”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recibiron esta mañá no salón de sesións do Pazo de María Pita as e os 11 nenos saharauís que este verán participan en Vacacións en Paz, a iniciativa de acollida temporal a través da cal as e os menores que residen en campos para persoas refuxiadas gozan durante un mes e medio no período estival dunha estancia en casas de familias coruñesas. O rexedor salientou na súa intervención o carácter "aberto, inclusivo e acolledor" da cidade, e lembrou que o Goberno local "comezou hai meses a dar os pasos necesarios" para que a cidade poida acoller, de forma completamente legal, "a todas aquelas persoas que, pola situación de conflicto que viven nos seus lugares de orixe, están sendo obrigadas a marchar dos seus fogares". "Entre todas e todos estamos a facer unha cidade formada por miles de pequenos fogares abertos, que decidiron non pechar nin as súas portas nin as súas mentes, e están dispostos a conformar unha sociedade máis xusta, tratando de equilibrar a balanza, de arrimar o ombro para axudar a todas aquelas persoas que o están a pasar mal". "Cremos que é a nosa obriga, e tamén a nosa débeda", afirmou Ferreiro.
"Esta cidade leva tatuadas as migracións. Milleiros dos nosos veciños e veciñas saíron na procura da súa subsistencia ou dos seus soños. Saíron tamén escapando da represión e buscando a liberdade. Hoxe, en todo o mundo, son moitas outras as persoas que, fuxindo do terror, veñen chamar ás nosas portas. Nin a economía nin o desemprego poden valer como escusa para mantelas pechadas", sinalou o alcalde, quen afirmou que "con vontade todo é posible".
Na súa intervención, o primeiro edil coruñés tamén agradeceu "o traballo fundamental" realizado por Solidariedade Galega para o Pobo Saharauí, entidade responsable do programa de acollida Vacacións en Paz, á que cualificou de "orgullo e exemplo de que con vontade, todo se pode facer", e saudou "a entrega e xenerosidade" das familias coruñesas que participan nesta iniciativa. Á vez, o alcalde lembrou ás e aos menores que "agora e para sempre" teñen "un fogar na Coruña". "Cando chegamos a este edificio o ano pasado, puxémonos como meta que este Pazo de María Pita fose unha casa para todos e todas, unha casa sempre aberta. Desde agora e para sempre, tamén é a vosa", incidiu.
Xunto ao rexedor e a edil de Igualdade, tamén estiveron presentes na recepción o delegado do Frente Polisario, Habibullah Mohamed Kuri, a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla, e o delegado na Coruña e na comarca da entidade, Xaquín Prieto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible