25 de novembro de 2017
Xulio Ferreiro deu lectura ao manifesto ‘A Coruña en negro’ acompañado por membros da corporación e veciñanza
O Pazo de María Pita acolleu esta mañá unha concentración aberta á cidadanía co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres. A iniciativa serviu para mostrar o rexeitamento veciñal ás violencias machistas, dentro dos actos da campaña En negro contra as violencias machistas, da que o Concello da Coruña forma parte, xunto a outros 74 municipios e 3 deputacións provinciais de Galicia. O alcalde, Xulio Ferreiro, foi o responsable de ler o manifesto A Coruña en negro, no que lembrou que a violencia machista "é a máis terrorífica das desigualdades de xénero". "Hoxe queremos manifestar o noso compromiso como cidade contra as violencias machistas, así como o noso rexeitamento de quen exerce as violencias e da complicidade de quen as silencia", sinalou o alcalde, quen defendeu a necesidade de "recoñecer as múltiples formas e manifestacións das violencias machistas para combatelas". "Os asasinatos machistas, 574 nos últimos dez anos segundo as estatísticas oficiais, son a punta do iceberg do que realmente están a padecer as mulleres en situación de violencia, así como as súas fillas e fillos. A loita contra as violencias debe ser unha prioridade institucional e política, tanto nas institucións como en todos os ámbitos que afectan á vida das nosas veciñas e veciños. Debemos rexeitar todas as formas de violencia que sofren as mulleres polo mero feito de selo, e comprometernos, todas e todos, contra esta loita", afirmou ao alcalde. A este respecto, o primeiro edil coruñés avogou por recoñecer a importancia do papel das entidades locais, "as administracións máis próximas á cidadanía", neste ámbito. "Combater as violencias machistas significa adoptar acordos e compromisos políticos para aumentar os orzamentos públicos destinados a facerlle fronte, e a dotar aos equipos especializados dos recursos necesarios para a súa prevención e atención integral", aseverou Ferreiro.
Durante o acto, que culminou cunha gran foto de grupo para mostrar o rexeitamento ás violencias, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, agradeceu tanto á veciñanza como ao persoal municipal e o comercio local "a súa implicación e participación activa" na campaña A Coruña en negro contra as violencias machistas. Durante esta semana, o Concello distribuíu entre entre os equipamentos municipais, entidades e establecementos participantes máis de 17.500 metros de cinta de balizar coa imaxe da campaña, 2.500 distintivos adhesivos de Espazo libre de violencias machistas; máis de 10.000 chapas; 10.000 posavasos e 5.000 manteis para a hostalaría, ademais de camisetas, unhas 2.700, e carteis en diversos formatos con mensaxes como Si e si, non é non, ou Sempre libre e viva.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible