Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

11 de agosto de 2016

O alcalde salienta o valor da Tall Ships Races "como exemplo da conexión da cidade co mar e co porto, motores económicos fundamentais e sinais de identidade que fan medrar A Coruña"

A LX edición da Regata de Grandes Veleiros abre hoxe un programa de catro días de actividades "que trascenden a competición deportiva para contribuír a facer desta unha cidade máis viva, coincidindo coa semana grande das nosas festas de María Pita"

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto cos concelleiros de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, así como outros membros do equipo de Goberno, participou na mañá deste xoves no acto inaugural da Tall Ships Races A Coruña, que nesta 60ª edición pecha na cidade a ruta dunha regata que, como quixo destacar o rexedor, "trascende a competición deportiva e contribúe a facer desta unha cidade máis viva, coincidindo coa semana grande das nosas festas de María Pita". "Este acto marca o inicio duns días excepcionais, que teñen a capacidade de reflectir os vínculos que A Coruña ten co mar que a arrodea e co porto, motores económicos fundamentais e sinais de identidade para todos e todas nós, xa que o mar e o porto teñen conformado e conforman non só as estruturas sociais e laborais que fan medrar esta cidade, senón tamén a nosa forma de ser, e mesmo o noso rueiro, que nos lembra a nosa condición atlántica", salientou Ferreiro, facendo referencia á Mariña, a Peixeiría ou a avenida do Porto, "que vimos de recuperar hai uns meses e que traza a conexión imaxinaria entre a zona urbana e a portuaria". Nese sentido, o rexedor fixo alusión á exposición fotográfica que desde hoxe se pode ver no espazo portuario, con imaxes históricas da Coruña, que constatan "esa fonda relación entre o mar e a cidade, que vén de lonxe e que debe formar parte tamén do noso futuro, para que este sexa próspero".

"Estes embarcadoiros ateigados de xente amosan que non hai valo que separe o que é a mesma cousa. E iso é o que fai da Tall Ships Races unha cita imprescindible, porque exemplifica a conexión da xente co seu porto", sinalou durante a súa intervención Ferreiro, quen apostou por "afianzar esa relación natural" e quen fixo tamén un chamado público a "facérmonos conscientes do noso papel no coidado da nosa costa para protexer, poñer en valor e dar máis vida a este enorme patrimonio que é de todas e de todos".

Durante o acto -que abre catro xornadas de actividades dentro do programa de festas, que terán o sábado un dos seus pratos fortes coa Batalla Naval e que o domingo á mañá ofrecerá unha estampa excepcional co desfile de grandes veleiros-, o alcalde agradeceu o traballo e a implicación de deportistas, tripulacións, profesionais e persoal voluntario, así como de todas as patrocinadoras e organización, e toda a xente que desde hoxe pasará polos peiraos. "Todos e todas contribúen a facer desta unha edición memorable", manifestou, convidando a aproveitar estes días para coñecer a cidade "no seu mes máis desbordante".

Na inauguración, que tivo lugar na zona portuaria, interviñeron xunto co alcalde o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, o presidente da asociación Juan de Lángara, José Echeverría, e o presidente da regata, Raúl Mimbacas. Ao remate das intervencións, os participantes fixeron un percorrido polos peiraos para coñecer os estands dos patrocinadores, así como o recinto habilitado pola Federación Unión de Comercios Coruñesa (FUCC) e algúns dos barcos, como o Lord Nelson -capitaneado por unha muller e adaptado ás persoas con diversidade funcional- e o venezolano Simón Bolívar, aceptando neste caso o convite diplomático recibido.

Documentos relacionados

  • Programación The Tall Ships Races 2016 (1 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión