Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de febreiro de 2018

O alcalde salienta que as cifras do Concello “demostran que o compromiso co urbanismo sostible e rigoroso non está exento de eficiencia”

A Xunta de goberno local deu hoxe luz verde a distintas actuacións “encamiñadas a poñer orde no urbanismo da cidade” e tomou coñecemento de que Rexeneración Urbana tramitou nos últimos 15 días 106 expedientes de obra e 57 comunicacións de inicio de actividade. Ferreiro confirma que a parcela da rúa Falperra cumpre cos requirimentos da Consellería de Sanidade, que se deu dez días para tomar a decisión sobre a ubicación do nova área de saúde para a zona centro da cidade.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, deu conta este venres ante a prensa dos principais asuntos aprobados pola Xunta de goberno local. O rexedor destacou que "o número de licenzas urbanísticas outorgadas nos últimos 15 días, así como outras actuacións que recibiron luz verde esta xornada que tratan de poñer orde no urbanismo da cidade, referendan o bo traballo neste eido que está a realizar o executivo municipal". "As nosas cifras demostran que o noso compromiso co urbanismo sostible e rigoroso non está exento de eficiencia", indicou.

En concreto, o alcalde salientou que durante a Xunta de goberno local, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, deu conta do informe relativo ás licenzas e demais títulos habilitantes concedidos dende a súa área entre os pasados días 24 de xaneiro e 6 de febreiro. En total, este departamento do goberno resolveu 180 expedientes entre os que figuran 36 licenzas urbanísticas, 70 comunicacións previas ao inicio de obras, e 57 comunicacións de inicio de actividade ou apertura de establecemento. Ademais, entre outros asuntos, o órgano executivo declarou a caducidade da licenza urbanística concedida en 2008 a unha inmobiliaria para construír un edificio na rúa Emilio González López,  que non se chegou a levar a cabo "e que nestes momentos representa outros dos 'esqueletes' urbanísticos, propios doutras épocas, aos que o goberno local pretende poñer couto con estas actuacións". Tamén, no ámbito urbanístico, a Xunta de goberno local incoou o procedemento de caducidade de licenza concedida a outra promotora no ano 2011 e que permitía a construcción dun edificio en parcelas na zona do Sector 7-Recinto Feiral. "Neste caso, a empresa superou o tempo máximo concedido para empezar a obra e para o remate da mesma. Agora, no caso de querer retomar a actuación, a firma terá que adaptar o proxecto ao planeamento municipal actual", salientou o primeiro edil.

"O traballo no ámbito da ordenación urbanística que está a levar a cabo este Concello viuse referendada esta semana, non só polos asuntos tratados pola Xunta de goberno local, senón tamén polos datos tirados do informe realizado pola Federación Galega da Construción, que sitúa ao Concello da Coruña á cabeza da licitación da obra pública en Galicia, acadando 16,8 millóns de euros durante 2017, un 2% máis que o ano anterior, e sendo a urbe que destina un maior investimento por habitante: 68,9 euros", indicou. "Cando falamos de datos, a visión resultante difire moito da que pintan determinados discursos prefabricados, que insisten en falar dunha falsa parálise", apuntou.

Ao fío, o mandatario local volveu a pedir "compromiso coa cidade" ao resto das administracións públicas e, nomeadamente, a Xunta e Estado. "O informe da FGC non só deixa as claras o potencial inversor da cidade, senón que pon de manifesto que o investimento do Estado en Galicia volve baixar de forma alarmante con respecto a 2016", indicou. "E isto, por certo, a mesma semana na que volvemos coñecer outra falta máis de compromiso da Xunta coa cidade xa que, despois de anunciar que ía a realizar un plan moi ambicioso para a rexeneración urbana da zona do Orzán, onde ía comprar vivenda para destinala a fins sociais, finalmente, A Coruña quedou fóra", recordou.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local aprobou hoxe as bases "para conceder a asociacións e federacións de comercio axudas para proxectos que dinamicen o comercio local e que se deberán levar a cabo neste ano". En total, repartiranse 126.500 euros a través dun proceso de concorrencia competitiva a entidades privadas sen ánimo de lucro, con un máximo de 8.000 euros por asociación e 20.000 por federación.

No proceso de adxudicación valorarase o proxecto que presenten as entidades e tamén outros aspectos como o uso da lingua galega, o compromiso ambiental, o carácter inclusivo das actividades ou o número de comercios asociados á entidade, entre outros. "Estas axudas seguen a liña marcada pola Concellería de Emprego e Economía Social de implementar unha batería de medidas que melloren a competitividade e visibilidade do pequeno comercio", salientou o rexedor.

Área sanitaria da zona centro

O alcalde tamén abordou, preguntado ao respecto, as conclusións que tira o Concello da reunión que mantivo onte co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e representantes do Sergas para analizar as tres ubicacións que o Goberno local ofrece para a construción dunha nova unidade de saúde que dea servizo ao centro da cidade. Ferreiro destacou "o esforzo importante" que fixo o Concello para poñer enriba da mesa tres alternativas. "Teño a sensación de ter feito todos os esforzos para dar o máximo abano de posibilidades ao Sergas, porque o Concello ten a sensibilidade e a preocupación para que os veciños e as veciñas da zona teñan un centro de saúde en mellores condicións que o de Federico Tapia", apuntou, ao tempo que saudou a boa disposición da Consellería de Sanidade para acadar un acordo. O primeiro edil asegurou que a parcela situada entre a Falperra e a Rolda de Nelle cumpre os requirimentos do Sergas, como lle confirmaron os representantes de Sanidade, que deben agora tomar a decisión final, e que as modificacións urbanísticas que serían precisas "poden ter un trámite rápido". "Se imos á lexislación da propia Xunta, para os proxectos de excepcional interese pódese aprobar a modificación no Consello da Xunta e despois, xa iniciada a construción, adaptar o planeamento. Tampouco habería que agardar a unha modificación do PXOM que tamén, en canto ao uso, sería necesaria en Santa Lucía", aclarou.

Tal e como expuxo onte ao conselleiro de Sanidade, Ferreiro incidiu en que a parcela da rúa da Falperra cumpre o requisito de ubicación, pois se atopa dentro do radio que reclamaba a Xunta para dar servicio á veciñanza do barrio da Falperra, e tamén de accesibilidade, xa que, ademais de poder contar cunha entrada para vehículos dende a Rolda de Nelle, ten entrada accesible dende Juan Flórez e Federico Tapia polas escaleiras mecánicas de Maestro Clavé. "É unha opción interesante, pero a decisión correspóndelle ao Sergas. Eu onte saín con boas sensacións, de que todos comprobamos que os requisitos técnicos e de funcionalidade estaban cumpridos", concluíu. Na xuntanza, á que tamén acudíu o arquitecto que ten a encarga de reformar o mercado de Santa Lucía, Manuel Gallego, revisáronse tamén as outras dúas solucións aportadas polo Concello. A do paseo das Pontes  ten a ubicación máis lonxana ao centro de saúde de Federico Tapia, como se resaltou na reunión. No caso da parcela do mercado de Santa Lucía, Ferreiro afirmou que "se confirmou unha vez máis" que para dar cumprimento ao requirimento da Xunta habería que "sacrificar o mercado".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión