Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de abril de 2016

O alcalde saúda a celebración dunha "xornada histórica", na que "todos os concellos da área metropolitana, por fin, asinamos un documento no que nos marcamos uns obxectivos comúns"

Xulio Ferreiro asinou xunto cos rexedores e rexedoras de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada un documento de traballo que establece “unha serie de intencións para abordar asuntos concretos”, así como unhas mesas de traballo “onde se traballará para que as metas marcadas sexan unha realidade”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou esta mañá dunha xornada de traballo convocada polo Concello e á que asistiron os e as rexedoras de Cambre, Bergondo, Oleiros, Betanzos, Sada, Culleredo, Arteixo e Carral, ademais do presidente do Consorcio das Mariñas e primeiro edil de Abegondo, José Antonio Santiso. Celebrado no Pazo de Mariñán, o encontro estaba dirixido a coordinar estratexias para avanzar no deseño da área metropolitana en cuestións comúns, tales como o planeamento urbanístico, a xestión de residuos, o abastecemento de auga ou a rexeneración da Ría do Burgo. Na citada xuntanza de traballo, as e os alcaldes dos dintintos concellos presentes asinaron un documento de intencións e obxectivos, á vez que constituíron unha serie de mesas de traballo nas que os distintos municipios abordarán fórmulas de traballo para afrontar necesidades comúns nos concellos da comarca “que beneficiarán a vida de toda a veciñanza”. Tanto o primeiro edil da Coruña, como os e as súas homólogas, destacaron o alto nivel de consenso acadado. “Hoxe é un día moi importante para a área metropolitana da Coruña. Se se me permite, case podería cualificalo de histórico. Todos os alcaldes e alcaldesas que estamos aquí coincidimos en que poucas veces na historia desta área se chegou a un nivel de consenso e de sintonía semellante entre os diferentes concellos da zona, gobernados ademais por persoas de distintas sensibilidades políticas”, salientou Xulio Ferreiro, na rolda de prensa posterior á constitución das mesas de traballo.

“Neste encontro está representado case todo o arco político actual. Non obstante, isto non nos impide traballar xuntos e xuntas, máis ben ao revés. O que nos leva é a querer traballar cuns obxectivos moi claros e moi concretos que van incidir en mellorar os servizos que prestamos aos nosos veciños e veciñas e en mellorar as súas condicións de vida”, explicou. Ferrero salientou: “Hoxe vimos de asinar un documento de intencións, pero tamén de obxectivos concretos de traballo e vimos de constituír unhas mesas de traballo que a partir de mañá, estou seguro, van esforzarse en traballar arreo para que esas determinacións que nos marcamos a curto, medio e longo prazo, sexan unha realidade na nosa área metropolitana”.

Mesas de traballo

Como sinalou o rexedor, as seis mesas constituídas, que están integradas por representantes políticos e persoal técnico, divídense por áreas temáticas, a primeira das cales versa sobre a recuperacion ambiental e da diversidade  da Ría do Burgo e da bacía do río Mero, co obxectivo de “traballar para poñer en valor estes dous ríos como pulmóns verde da área metropolitana, pero tamén pola súa riqueza produtiva e social”, mentres que a segunda diríxese á coordinación do planeamento urbanístico. “Debemos planificar conxuntamente o desenvolvemento urbanístico da comarca e que os plans urbanísticos dos nosos concellos sexan coherentes entre si, para que poida haber deseño global de directrices de ordeación do territorio e poidamos deseñar conxuntamente as grandes liñas de actuación, de xeito que, posteriormente, poidamos levar esas grandes liñas consensuadas ao planeamento urbanístico de cada concello sendo coherentes nos límites dos mesmos e na planificación global”, considerou o rexedor coruñés.

A terceira mesa, moi vinculada coa anterior e relativa ao plan integral metropolitano de transporte e a mobilidade, atende, como subliñou Ferreiro, a “un dos campos onde máis se pode ver a incidencia concreta entre o traballo que fagamos e as condicións de vida dos veciños e veciñas, a través do servizo que prestamos”.  “Estamos diante dunha oportunidade moi importante para deseñar, entre todas e todos, un plan non só viario senón tamén de transporte metropolitano, que entenda a área como o que é, unha cidade metropolitana máis alá dos límites de cada concello e que, polo tanto, busque solucións desde ese posicionamento común  en temas como o transporte, a mobilidade, e as redes viaria e ferroviaria”, apostou.

Outra das mesas de traballo postas a andar esta semana  refírese á xestión integral de residuos urbanos, un campo que se aborda, segundo expuxo o alcalde da Coruña, “con intencións moi ambiciosas, que tenden cara ao obxectivo global do residuo cero”, como é, entre outros, a determinación dunha fórmula de colaboración intermunicipal para a xestión dos refugallos e a planificación conxunta da mesma. “Hai un compromiso ambiental moi importante”, quixo apuntar, durante a rolda de prensa.

En canto á mesa de xestión do ciclo integral da auga, Ferreiro recordou que “os concellos de toda a comarca compartimos infraestruturas de abastecemento e de saneamento, polo que é bo que planifiquemos esas infraestuturas de xeito global, tendo en conta o interese de todos eles, e que avancemos na xestión común, tanto do saneamento como do abastecemento de auga potable en todos os concellos, onde a empresa pública Emalcsa cumpre esa importante función”.

A mesa restante atende, tal e como indicou o primeiro edil da Coruña, á estratexia de innovación da Coruña metropolitana e á elaboración dunha estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado da area metropolitana. “Trátase de que poidamos ter unha estretexia integrada de toda a área metropolitana que nos sirva de fío condutor e que servirá tamén para concorrer de forma conxunta a proxectos europeos”, sinalou, poñendo a convocatoria Edusi como “o primeiro paso”. “Queremos que a estratexia de desenvolvemento urbano e de desenvolvemento económico sostible, baseado na innovación e os novos sectores produtivos, sexa unha aposta global, de toda a comarca, na que traballemos xuntos todos e todas”, avogou Ferreiro.

“Está claro que cando nos presentamos diante doutras administracións de xeito independente, como Concello, o facemos dunha forma máis feble que se nos presentamos todos e todas xuntas. Se imos a convocatorias europeas e presentamos proxectos de área metropolitana, damos por feito que unha unión supramunicipal, un traballo conxunto, ten unha potencialidade que non ten un municipio só”, reflexionou o alcalde coruñés.

Así, preguntado pola Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano (EIDUS), Ferreiro indicou que “a primeira convocatoria aínda está por resolver”. “Algúns dos concellos nos presentamos individualmente, pero tendo en mente a área metropolitana, xa que o proxecto que presentou A Coruña está referendado por todos e todas as alcaldesas que hoxe están aquí, sinatura que propuxemos porque entendimos como xerme desa estratexia metropolitana”, dixo. “Na segunda convocatoria a esa convocatoria europea de fondos, a nosa intención é concorrer cun proxecto conxunto de rexeneración urbana e estratexia común”, comentou.

Pola súa banda, o alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso, tamén fixo fincapé durante a súa intervención no alto grao de consenso acadado na xornada deste mércores. Así, destacou o esforzo do Concello da Coruña “en levar a cabo iniciativas conxuntas que dean servizo a necesidades que temos todos os municipios”. “Temos que recoñecer que neste mandato xa temos tido moitísimas máis reunións que nos anteriores e podemos plasmar no documento que asinamos hoxe uns obxectivos e uns contidos que esperamos que a medio prazo sexan metarializados”, manifestou.

Documentos:

Documento do acordado en Mariñán (6 MB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión