29 de outubro de 2015
Xulio Ferreiro comprometeuse co anterior comité de empresa de General Dynamics a pedir información, tamén á nova concesionaria, para garantir que existe un proxecto empresarial serio e de futuro
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse esta mañá cos membros do antigo comité de empresa da antiga Fábrica de Armas, cos que se comprometeu a solicitar información sobre o actual proxecto na planta coruñesa en distintas reunións que solicitará tanto ao Ministerio de Defensa, como á Consellería de Industria e a actual concesionaria, Hércules de Armamento (a cuxos directivos xa recibiu hai unhas semanas no Pazo de María Pita). “Na xuntanza desta mañá, os representantes do cadro de persoal de General Dynamics trasladáronos a súa preocupación polo estado actual da factoría xa que entenden que o plan industrial que se comprometeu non se está a cumprir”, indicou o rexedor aos medios de comunicación. “Dende logo, o que este Goberno local quere é un proxecto empresarial serio, que dea traballo á xente e sexa un polo de atracción máis da cidade. Iso é o que nos interesa, polo que queremos coñecer de primeira man a situación da fábrica e solicitaremos reunións coas administracións pertinentes”, engadiu.
Ferreiro reiterou que ao longo de todo o que vai de mandato o Concello mantivo unha relación “fluída” co comite de empresa da Fábrica de Armas, polo que atenderán as súas peticións e trasladarán a súa preocupación tanto ao Ministerio de Defensa, como titular dos terrenos e organismo que escolleu a actual concesionaria, como á Consellería de Industria da Xunta de Galicia. “Do mesmo xeito, imos solicitar información a actual concesionaria, a Hércules de Armamento, coa que xa nos reunimos, porque é necesario coñecer as cuestións de primeira man antes de dar ningún paso”, advertiu o alcalde, que insistiu en que “o Concello non pode ser alleo á situación dunha factoría crucial para a cidade”.
Por outro lado, o primeiro edil da cidade adiantou algunhas das cuestións que tratará esta tarde en Madrid, a onde se desprazará para participar na reunión do Comité Aeroportuario Galego do Ministerio de Fomento. “Queremos falar da proxección de Alvedro de cara aos próximos anos. Creo que é un aeroporto que ten capacidade para medrar, de atraer a máis pasaxeiros. Estamos en condicións de ter máis rutas, tanto locais como internacionais, e iso é o que imos plantexar”, explicou Ferreiro, que puntualizou: “O noso desexo é traballar coordinadamente co resto de aeroportos de Galicia, pero sen que esa coordinación supoña unha subordinación a ningún deles, nin sirva para establecer xerarquías”. O alcalde recoñeceu a súa preocupación polo plan que prepara a Xunta de Galicia “é que podería deixar a Alvedro nunha posición de subordinación”. “Os tres aeroportos teñen espazo e capacidade para desenvolver as súas propias políticas, con destinos tanto na península como fóra”, sentenciou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible