6 de xullo de 2017
Xulio Ferreiro participou hoxe, xunto co concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, na presentación do documento estratéxico, que busca aproveitar o potencial da cidade a través da súa identidade e o seu carácter atlántico e acolledor, e que pon en valor a súa riqueza cultural, a gastronomía ou a súa capacidade de innovación e para "marcar tendencia e atraer talento", como bases dun desenvolvemento sustentable do sector turístico
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou este xoves na presentación do Plan Estratéxico de Turismo da Coruña (PET), un documento que, somo sinalou, "supón unha estratexia que ten que implicarse na estratexia de cidade, e cunhas liñas que teñen moito que ver co proxecto de cidade de proximidade, con esa Coruña Próxima que se está a impulsar desde o Goberno local, e que sitúa ás persoas no centro". "Todo o que fagamos que sexa bo para a veciñanza será bo tamén para os e as turistas", salientou, para destacar que o documento "conta con todas as voces: cidadás, profesionais, académicas e políticas". "É importante que poidamos facer un plan con valores compartidos, para que poida ser perdurable e poida ser o fío condutor da nosa actividade turística por moitos anos", indicou o primeiro edil, quen avanzou que o documento servirá "para establecer o relato de cidade que queremos proxectar cara a fóra, para darnos a coñecer como cidade. Nese sentido, remitiuse aos atributos que recolle o proxecto, e que destacan o carácter atlántico da cidade, "como fío condutor da diversidade da cidade e como elemento identificativo", así como a identidade cultural e gastronómica ou a capacidade de innovación, e a potencialidade para converterse en referente, atractor da actividade cultural, a través da ampla oferta musical e o que o plan denomina a 'cultura pop'. "Estamos no momento de planificar o turismo para poder medrar sen que isto supoña un problema, senón unha oportunidade para enriquecer a nosa cidade económica, cultural e humanamente a través das visitas", destacou, para subliñar o crecemento importante que está a experimentar, desde o ano pasado, o sector, tanto a nivel de ocupación como tamén de rendibilidade, ratificado tanto na última Semana Santa coma no último San Xoán.
O alcalde vinculou, neste sentido, o plan ás liñas estratéxicas que se están a impulsar desde o Concello, como son a estratexia DUSI, de desenvolvemento urbano sostible e integrado, que, como indicou, recolle ata sete das accións que se contemplan no documento de estratexia turística, entre elas accións como o sistema de intelixencia turística, a mobilidade turística ou a sinalización. Da mesma maneira, Ferreiro aludiu á "importante visión metropolitana do plan, que leva a entender A Coruña como o lugar desde o que coñecer Galicia, a costa, o Atlántico, como a base desde a que se pode ir a moitos lugares e vivir a realidade metropolitana como unha entidade". "Todos nos enriqueceremos se a promoción turística dos nosos concellos e provincia faise en cooperación, e A Coruña ten o potencial para liderar esa promoción", valorou.
Durante a presentación, o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema -a quen acompañaron a xerente de Turismo, e o presidente de Hospeco, como representante do comité de seguimento do PET, ademais do propio alcalde e do director do proxecto, Iñaki Gaztelumendi- advertiu da necesidade detectada na cidade "de ter unha pauta que ordenase o sector turístico que parta do consenso dos actores políticos e sociais, un plan de cidade, e que, por tanto, poida supoñer unha folla de ruta que inicie este Goberno e que, aínda que estableza como marco os anos 2017-2020, poida continuar quen veña despois". "Este é un primeiro paso para situar A Coruña no lugar que merece, no lugar no que están que cidades cunha escala e tamaño similar á nosa", considerou, para incidir na "pluralidade do plan, que nace de diversidade de miradas e das visións comúns que teñen diversos actores da cidade".
Nese sentido, a xerente do Consorcio de Turismo, Lanzada Calatayud, deu conta da metodoloxía seguida na elaboración do documento, no que, o equipo redactor realizou, xunto co traballo de análise de documentación e estatística, medio cento de entrevistas con persoas 'clave' da cidade e do sector turístico, e desenvolveu cinco xuntanzas de diagnose estratéxica, propostas de modelo e plan de acción. Tamén se levaron a cabo cinco mesas de traballo sectoriais, e unha enquisa online con máis de 400 respostas, e se contou co traballo da Escola de Turismo da Coruña, que tivo unha participación activa na elaboración do plan, e que realizou tres estudos sobre elementos clave do sistema turístico, como son os recursos, a adecuación do espazo físico e a reputación online.
Plan Estratéxico
O Plan Estratéxico de Turismo é, tal e como puxo de relevo o director do proxecto, Iñaki Gaztelumendi, durante a súa presentación, unha folla de ruta para os vindeiros catro anos (2017-2020), que impulsa o Consorcio de Turismo coa colaboración do sector, e que establece unha serie de obxectivos estratéxicos como son situar o turismo como eixe clave para o desenvolvemento sustentable da cidade, organizar e dar maior calidade, variedade e profundidade á proposta turística actual da Coruña, aumentar a rendibilidade económica e social do turismo, posicionar A Coruña como destino urbano baseado nos valores identitarios da cidade e camiñar cara a un novo modelo de organización na xestión turística, un modelo de "gobernanza" baseado sobre os consensos.
O documento, que nos próximos días estará dispoñible para consulta online, sinala como principios do modelo turístico da cidade a dimensión humana dunha localidade "na que as persoas, veciñanza e visitantes, están no centro do modelo de desenvolvemento turístico", e igualmente alude á identidade da Coruña, como o seu carácter atlántico e o mar como elemento que recompila os valores ambientais, culturais e socias, deportivos e simbólicos, pero tamén a súa condición de cidade próxima cun estilo de vida atractivo e acolledor. Do mesmo xeito, destaca o capital creativo e a capacidade da Coruña de "marcar tendencia e atraer talento", a ampla e variada oferta cultural, e en particular, a variedade e cantidade de ofertas musicais ao vivo, a súa vida nocturna e as referencias, como a nova cultura urbana ou o surf. Do mesmo xeito, pon de relevo o potencial do sector gastronómico, "que combina tradición da cociña galega con innovación" nunha multiplicidade de oferta, e destaca tamén os equipamentos e operadores locais, que facilitan a organización de eventos profesionais e culturais. "A Coruña é unha cidade atlántica, acolledora e inspiradora, inclusiva e próxima, cun estilo de vida propio que avanza tendencias e actualiza os valores de Galicia", sinalou a este respecto Gaztelumendi, quen destacou a capacidade da cidade de "achegar ao destino Galicia valores moi importantes, porque representa a modernidade, a frescura... non só os valores clásicos senón que renova, reinventa e pon en valor elementos da cultura de Galicia que son tendencia a nivel mundial".
En canto á estratexia, o director do plan destacou a "moi alta prioridade" que este lle outorga ás posibilidades da Coruña como lugar de escapada urbana ('city break'), e destino gastronómico, de viaxe de congresos e pola 'cultura pop'. O documento tamén dá alta prioridade á capacidade de atracción da cultura e o patrimonio, os deportes, o sector creativo, profesional ou de negocios. De cara ao mercado estatal, a base actual do turismo da cidade, a proposta do PET pasa por acadar unha maior diversificación da oferta, mentres que de cara ao mercado internacional, prioriza os países de orixe de Europa Occidental, como Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia ou Holanda.
O plan establece, finalmente, unha serie de retos e programas de traballo para os vindeiros catro anos e a desenvolver tamén a máis longo prazo, como son as accións de competitividade. Eses programas van dirixidos, segundo avanzou o director do proxecto, á mellora, por unha banda, da competitividade turística, e tamén á mellora do produto, e inclúen igualmente iniciativas para mellorar a capacidade dos produtos turísticos. Do mesmo xeito, o traballo propón un novo márketing turístico, "tal e como esixe o mercado de cara aos vindeiros anos, para que os instrumentos de promoción estean á altura do que esperan as persoas consumidoras ás que se dirixen", e, da mesma maneira, plantea un novo modelo de gobernanza e de organización do turismo. "É clave. Precisamos instrumentos capaces de desenvolver o plan de accións que están deseñadas", subliñou Gaztelumendi, en alusión ás relacións do Goberno local e as administracións co sector e outras entidades, a través dun modelo de "cooperación e colaboración e a través da renovación do ente de xestión, para que sexa quen de acoller a todos os actores que están traballando neste ámbito". Tamén, o Plan aposta pola creación dun consello asesor de turismo, "para promover un diálogo permanente entre os actores e o Concello, para que o futuro do turismo da Coruña se constrúa en común", e propón avanzar, usando o documento técnico como base, nun traballo de diálogo cos sectores económicos e tamén coa cidadanía para a constitución dun Pacto Local sobre o Turismo, que sirva para definir a implicación de cada parte no futuro da cidade.
O resumo executivo do plan está dispoñible para consulta no seguinte enlace: http://turismocoruna.com/media/documentos/TurismoCoruna_PET17.pdf
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible