20 de setembro de 2019
O estudantado do 5º curso de Educación Primaria realizou unha actividade de educación viaria pola Semana Europea da Mobilidade
No marco do programa das actividades pola Semana Europea da Mobilidade, esta mañá realizouse unha saída en bicicleta co alumnado de 5º de Educación Primaria do CPR La Grande Obra de Atocha. Un grupo de 90 nenas e nenos recibiu unha charla sobre educación viaria e mobilidade sustentable e fixo un percorrido ciclista desde o Campo da Leña polo Paseo Marítimo, no que circularon polo carril bici. Xa no Obelisco, realizaron distintas actividades nos puntos de información da Semana Europea da Mobilidade, coma a da Unidade de Tráfico da Policía Local, onde foron agasallados coa placa identificativa do corpo e coas distintas ferramentas para a ordenación do tráfico.
O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz Villoslada, recibiu o alumnado no Salón de Plenos do Pazo de María Pita e explicou o funcionamento das sesións do pleno municipal e convidounos a opinar sobre como ven a súa cidade e a facer propostas para evitar problemas coma a contaminación e os atascos. O alumnado puido converterse así en concelleiras e concelleiros e aproveitaron a ocasión para trasladar as súas suxestións e pedir máis bicicletas eléctricas, máis paradas de bus e máis carrís bici.
Durante o acto, Villoslada incidiu en que a mobilidade é un dos retos aos que se enfronta a cidade. O servizo de transporte público "debe converterse nunha das mellores solucións da mobilidade na Coruña". Para iso, ampliaranse as liñas e reorganizaranse as frecuencias. Tamén lembrou que é importante establecer novos sistemas de entrada do transporte metropolitano na cidade.
Ao finalizar a sesión, Villoslada agradeceulles ás persoas participantes a visión que lle achegaban. "Son todas boas ideas, poñerémonos a traballar nelas", que lembrou que "as portas de María Pita están abertas tamén para vós".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible