Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de decembro de 2018

O Aquarium Finisterrae estrea a mostra temporal e interactiva 'Sexo Azul', dedicada á reprodución dos seres que viven no mar

O alcalde lembrou no acto de inauguración o vínculo vital das persoas co océano e a responsabilidade no seu coidado. A exposición está formada por 20 módulos entre os que se contan dez acuarios con diferentes especies de peixes e invertebrados mariños, así como pantallas táctiles e xogos que fomentan a interacción.

O alcalde, Xulio Ferreiro, participou esta mañá na inauguración da nova exposición do Aquarium Finisterrae, Sexo Azul, e que está dedicada á reprodución dos seres que viven na auga. A mostra temporal, que está producida polo equipo dos Museos Científicos en colaboración con entidades e museos, está formada por 20 módulos que explican, a través da interacción, as diferentes fases e temas relacionados coa reprodución. "A exposición axudaranos a entender e a profundar na íntima relación que temos, como seres humanos, coa auga salgada. Xa que, como se di na mostra, os seres vivos acuáticos inventaron moitas das solucións que logo foron utilizadas polos terrestres para sobrevivir mellor no planeta", manifestou o rexedor no acto de apertura. Sobre unha delas, a reprodución sexual que evita que as mutacións xenéticas perniciosas se acumulen xeración tras xeración, se centra a mostra.  No acto participaron tamén o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, concelleiro de Culturas, o director dos Museos Científicos, Marcos Pérez Maldonado, e o comisario da exposición e director técnico do Aquarium, Paco Franco.

Ferreiro, que convidou a cidadanía á achegarse ao Aquarium para visitar a exhibición, salientou que este traballo, "ademais de descubrir cousas moi curiosas e interesantes da bioloxía mariña actúa tamén como lembranza de que, aínda que nós esteamos en terra, temos un vínculo vital co océano que debemos conservar". Por iso, dixo, o Concello aposta e aplica políticas para coidar o mar, tanto de xeito máis visible, como no caso da festa de San Xoán e noutras celebracións ao carón do mar na cidade, "nas que apostamos por unhas festas sostibles nas que minimicemos o impacto ambiental e a chegada de residuos ao mar", como de maneira "máis constante e silenciosa co programa de vertidos cero á ría".

A mostra supón a transformación para unha tempada da Sala Humboldt do Aquarium, que se encadra "dentro do proxecto de renovación e actualización progresiva dos contidos dos Museos Científicos da Coruña", como apuntou Sande. Neste caso, trátase dunha exposición que contén dez acuarios con seres vivos, pezas de museos, ilustracións e moitos outros elementos "que non perden de vista a interacción precisa para o coñecemento". "É unha mostra para tocar e para descubrir cos sentidos, na liña do coñecemento accesible, apelativo, próximo e bidireccional polo que apostan os Museos Científicos da Coruña", explicou Ferreiro. Son 20 os módulos que recollen as fases de procura de parella, a sedución e o cortexo, a cópula e o nacemento e a conservación dos seres vivos. Nos dez acuarios se mostran diferentes especies de peixes e invertebrados mariños especialmente elixidos para ilustrar cada tema. Neles poderán verse animais que migran durante a época de reprodución, coidan ás súas crías, constrúen niños, executan complicadas danzas nupciais, intercambian os roles feminino e masculino ou utilizan substancias químicas para atraer á súa parella. Tamén pode verse un peixe capaz de cambiar de sexo ata vinte veces ao día e unha especie de quenlla cuxas femias, en determinadas circunstancias, son capaces de reproducirse sen a intervención dos machos.

A exposición tamén contén módulos interactivos con xogos e pantallas táctiles. As substancias químicas, os sons e danzas que os animais acuáticos utilizan para atraer ás súas parellas, o vínculo entre o sexo e o mar na mitoloxía, ou as diferentes estratexias de apareamento, son algúns dos temas que tratan estes módulos. O equipo dos Museos Científicos contou coa colaboración do ilustrador galego Miguelanxo Prado para crear tres grandes murais que abren e pechan a mostra e que están acompañados tamén dunha colección de tratados antigos de historia natural, procedentes da biblioteca do Aquarium Finisterrae e que nunca antes foran mostrados ao público. Tamén se poden visitar pezas singulares entre as que destaca o modelo a escala do peixe fósil Microbrachius dicki, o primeiro vertebrado coñecido que practicou unha cópula, o modelo do século XIX dos órganos reprodutores da sepia cedido polo Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela ou o do peixe abisal Ceratias holboelli, que ten unha das formas de reprodución máis peculiares e inquietantes da natureza e que foi facilitado polo Museo Nacional de Ciencias Naturais.

A exposición Sexo Azul está producida polo equipo dos Museos Científicos Coruñeses do Concello da Coruña, coa colaboración de Miguelanxo Prado, Retoque Retro, Hilda Varela, o Museo de Historia Natural dá Universidade de Santiago e o Museo Nacional de Ciencias Naturais; e co patrocinio da Fundación Española para a Ciencia e Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión