3 de xuño de 2023
Na proba, considerada a mellor do mundo da súa disciplina, participaron atletas de 25 nacionalidades
O brasileiro Caio Bonfim e a peruana Kimberly García León gañaron o XXXVI Gran Premio Internacional Cantóns da Coruña - Trofeo Sergio Vázquez, promovido polo Concello. A que está considerada como mellor competición do mundo da súa disciplina reuniu a 225 atletas de 25 nacionalidades diferentes. A proba, que foi se retransmitiu en directo, foi seguida por centos de afeccionados na contorna do Obelisco.
En total, houbo cinco categorías diferentes. Na 20K masculina o gañador foi Caio Bonfim, de Brasil, que rematou a proba cun tempo de 01:18:26, seguido polos españois Álvaro Martín e Diego García Carrera. Na 20K feminina, gañou a peruana Kimberly García León, cun tempo de 01:26:40, á que seguiron a chinesa Quanming Wu e a mexicana Alegna González Muñoz, segunda e terceira clasificada, respectivamente.
O circuíto do Gran Premio Cantóns transcorreu entre o Teatro Colón e a praza de Mina, cunha distancia de 1.000 metros. Destacou a presenza de atletas de países cunha ampla tradición en marcha como Italia, México, China, Ecuador, Perú Xapón ou Suecia. As delegacións con maior representación foron a española con 50 representantes, seguida pola mexicana con 26 atletas, a colombiana con 17 e a chinesa con 15.
O coordinador xeral municipal, Gonzalo Castro, tomou parte no acto de entrega de premios ás e aos atletas gañadores, que se entregaron a partir das 21.00 horas, tras rematar a 20K masculina.
Esta foi a primeira edición sen a presenza de Sergio Vázquez, quen impulsou en 1987 a disputa desta competición e foi o seu responsable ata hai poucos anos. O Gran Premio Cantóns de marcha leva o seu nome como homenaxe pola súa dedicación.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible