26 de xaneiro de 2017
A Concellería de Participación vén de ampliar e mellorar este servizo de coidado de crianzas que se activa para facilitar a asistencia a estes eventos a aquelas persoas que teñen menores a cargo, “abríndoo a todos os nenos e nenas da cidade e creando obradoiros educativos”
O próximo sábado 28 de xaneiro, entre as 12.00 e as 14.00 horas, terá lugar no Centro Cívico dos Rosales o primeiro encontro participativo do Goberno local coa veciñanza, Dillo ti, do ano. Estes eventos foron postos en marcha polo Concello o pasado exercicio, en cumprimento da lexislación vixente e dentro das recomendacións da propia Unión Europea ás entidades locais, á fin de promover "que a cidadanía participe na acción de Goberno e poida facer as súas achegas e suxestións de forma directa ás e aos membros do Executivo". Durante 2017, está previsto que o Goberno municipal leve a cabo dez encontros participativos coa veciñanza, que se desenvolverán un sábado de cada mes, entre xaneiro e xuño, e setembro e decembro. Entre as novidades desde ano, destaca a mellora do servizo de conciliación que ofrece o Concello.
Co obxectivo de garantir a diversidade nestes encontros, a Concellería de Participación e Innovación Democrática, dirixida por Claudia Delso, conta cun servizo de mediación que durante as semanas previas á realización dos encontros Dillo ti, comunica e media nos barrios onde se vai producir o evento, de cara a que colectivos, entidades e veciños e veciñas da zona estean informados do que vai acontecer, e saiban como participar. Durante toda esta semana, o citado servizo actuou no barrio dos Rosales, de cara a animar a persoas e a colectivos, tanto organizados como non, a participar na sesión do sábado.
Delso destacou que, ademais, unha das principais novidades dos encontros coa cidadanía deste ano radica no denominado espazo de conciliación. "En todos os encontros celebrados até o momento, o departamento municipal de Participación puxo a disposición das persoas asistentes un espazo de atención a menores co obxectivo de facilitar a asistencia a aquelas persoas con crianzas a cargo", explicou. "Agora, o que pretendemos é reforzar este servizo e abrilo a toda a cidadanía", indicou. Desta forma, o servizo de conciliación do Dillo Ti, que ten lugar nun centro cívico da cidade un sábado de cada mes estará aberto a todos e todas as menores que queiran asistir ao mesmo, non só aos que estean ao cargo de persoas que acoden ao encontro participativo. "Non será un mero espazo de coidado de menores, senón que estará aberto, até completar o límite de prazas, a todos e todas as nenas que queiran asistir", indicou a titular de Participación.
O servizo non só se amplía, senón que tamén será obxecto de mellora. "O noso obxectivo é poñer en marcha un obradoiro educativo e aberto, no que estean presentes os valores da cultura participativa e do respecto polas opinións dos demais", salientou. Nos citados espazos, realizaranse actividades educativas que enlazarán coa propia natureza do Dillo ti. Para participar no mesmo non é necesario inscribirse, só acudir ao Centro Cívico no que se desenvolvan os encontros coa veciñanza.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible