O vindeiro venres, 25 de setembro, arrincará a tempada de outono de ‘Sen Numerar’, o ciclo de espectáculos de pequeno formato que acolle o Fórum Metropolitano. Organizado en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios, ‘Sen Numerar’ complementa a oferta de artes escénicas da cidade ao achegar a produción teatral ao espectador, proporcionando unha experiencia diferente pola proximidade entre o público e o escenario, así como despertar o interese do alumnado de Secundaria polo teatro coa programación de sesións en horario escolar.
O ciclo contará con sete espectáculos nesta edición. Comezará o venres 25 coa obra Love Room, de Teterella Teatro. Unha semana máis tarde o Fórum acollerá a representación de Sushi gratis, de Fumboa Escénica, contando con dúas sesións o venres 2 e sábado 3. Dobre tamén será a cita de Chévere, Premio Nacional de Teatro 2015, co público coruñés. Os días 30 e 31 de outubro levarán ás táboas As fillas bravas, obra que tamén presentarán para o alumnado de Secundaria. Os centros escolares tamén contarán con funcións adicadas a eles a través das revisións da traxicomedia La Celestina o día 13 de novembro, ou do Don Quixote gastronómico o 4 de decembro. Completarán o ciclo ‘Sen Numerar’ as obras Fraude, de Sudhum Teatro, e El arte de las putas, de JoTacción e Teatro del Temple, as fins de semana do 26 ao 28 de novembro e 18 de decembro respectivamente.
As entradas de ‘Sen Numerar’ teñen un custo en venda anticipada de 6 euros. O día da función o prezo será de 9 euros, agás para todas aquelas persoas que gocen dos descontos habituais (maiores de 65, posuidoras de carné xove e desempregadas), que será de 7 euros. Poden adquirirse nos puntos habituais, na praza de Ourense (de luns a venres, excepto festivos) de 9.30 a 13.00 horas de 16.30 a 19.30 horas, na sede AFundación (de luns a sábado, de 09.00 a 21.00 horas), a través do servizo de venda telefónica 902504500, da web www.ataquilla.com e no propio despacho de billetes do Fórum Metropolitano desde unha hora antes do inicio de cada un dos espectáculos.