Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de maio de 2022

O ciclo Poetas Di(n)versos, dobremente premiado, remata a súa décimo terceira edición con voces de Galicia, Ecuador e Rusia

Vera Pavlova e Gonzalo Navaza son os protagonistas da penúltima quenda do ciclo, que terá lugar o vindeiro luns 23, ás 20.00 horas, no Centro Sociocultural Ágora

Nas últimas semanas, o ciclo de poesía Poetas Di(n)versos, do Concello da Coruña, vén de colleitar galardóns que recoñecen o seu compromiso para reunir, cada mes, ao mellor da poesía galega e do resto do mundo. O primeiro foi o Premio Rodolfo Prada en xestión cultural e o segundo o Premio Follas Novas á Mellor Iniciativa Cultural de Galicia, outorgado polas librarías, as editoriais e os escritores e escritoras galegas. Xa son trece anos de encontros mensuais cos protagonistas das máis vibrantes poéticas do mundo, valorados por achegarlle ao público candidatos ao Nobel, premios Cervantes das Letras e, á vez, as máis fulgurantes voces locais ou emerxentes. 

Ininterrompido entre os meses de outubro a xuño dende o ano 2009, a décimo terceira edición de Poetas Di(n)versos chega ao seu fin coas sesións do vindeiro 23 de maio e do 6 xuño. Serán dúas citas abertas e gratuítas para todo o público interesado en se asomar a versos de acento ecuatoriano, ruso e galego. Terán lugar, coma sempre, no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, ás 20.00 horas.

De Vera Pavlova a Gonzalo Navaza

Este próximo luns 23 será a quenda para Vera Pavlova, poeta rusa residente no Canadá, e o vigués Gonzalo Navaza. A música e musicóloga moscovita é autora de 23 poemarios, cinco librettos de ópera e as letras de tres cantatas. É unha das máis sorprendentes e consagradas voces en ruso, e foi controvertida a aparición desta poética tan libre, desprexuizada e de fasquía espontánea. 

Pola súa banda, o poeta, narrador e tradutor Gonzalo Navaza é profesor na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, e un recoñecido filólogo especialista en onomástica que no ano 2021 foi designado académico de número da Real Academia Galega. Gañador do Premio da Crítica Española en dúas ocasións, por dous dos seus cinco poemarios, conta tamén cos premios Eusebio Lorenzo Baleirón, o Martín Códax, o Losada Diéguez ou o Irmandade do Libro. 

O punto e final á décimo terceira edición do ciclo, o día 6 de xuño

Só dúas semanas máis tarde, poñerán a guinda a poeta ecuatoriana Aleyda Quevedo e a ferrolá Verónica Martínez Delgado, poetas que sitúan o corpo na primeira fila das súas poéticas, dándolle voz a través dunha perspectiva de xénero. Quevedo e Martínez Delgado compartirán as táboas do escenario no auditorio do Centro Sociocultural Ágora o día luns 6 de xuño. Unha libraría de proximidade poñerá á venda os libros de cada unha das plumas convidadas ao dispor dos lectores e lectoras interesadas nunha sinatura, editaranse folletos cos seus perfís e obras e a lectura pública emitirase por streaming.

Dunha hora aproximada de duración, os recitais estarán conducidos pola fundadora e directora do ciclo, a tamén poeta e xestora cultural compostelano-coruñesa Yolanda Castaño. Poetas Di(n)versos segue a ser o único ciclo estable que presenta poetas internacionais de maneira periódica e regular en toda España.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión