22 de xullo de 2016
‘Hamlet’, ‘Ensaio sobre a cegueira’, ou ‘Voaxa e Carmín’, unha obra sobre As Marías compostelanas, son algunhas das 11 propostas dunha tempada que abrirá o prazo de renovación de abonos o vindeiro mércores 27
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou este venres o Ciclo Principal de Outono do Teatro Rosalía Castro, que se desenvolverá entre o vindeiro 23 de setembro e o 23 de decembro. O edil saudou a "versatilidade e calidade" dunha programación composta por 11 propostas que acadan un "equilibrio", segundo explicou Paulo Rodríguez, o director do teatro, "entre os diversos formatos e estilos". Nesta tempada, daranse cita no Rosalía intérpretes e directores de recoñecida traxectoria, como Miguel del Arco, Ánxeles Cuña ou Alfredo Sanzol, "ou máis novos, como Xavier Castiñeira e Iñaki Rekarte", sinalou Rodríguez.
O ciclo iniciarase na fin de semana do 23 e 24 de setembro con La Respiración, baixo a dirección de Alfredo Sanzol, "unha reflexión existencialista profunda e divertidísima sobre as relacións humanas", explicou o director do Rosalía. A peza contará no seu reparto con Verónica Forqué e Martiño Rivas. A seguinte obra será Las guerras correctas, baseada na conversa sobre o GAL que mantivo o xornalista Iñaki Gabilondo con Felipe González na televisión. Dirixida por Gabriel Ochoa, que se representará na fin de semana do 7 e 8 de outubro. Este mes tamén o teatro de Rego de Auga acollerá a escenificación de Voaxa e Carmín, na que as actrices Mabel Rivera e Belén Constenla darán vida ás dúas Marías de Compostela, "símbolo do anarcosindicalismo galego", incidiu Rodríguez; e Cervantina, unha comedia con textos de Cervantes, os días 21 e 22 de outubro.
Hamlet de Shakespeare, baixo a dirección de Miguel del Arco, iniciará as representacións do mes de novembro con Israel Elejalde e Ángela Cremonte no papel de Hamlet e Ofelia. Continuará o venres día 11 cunha obra "de gran formato e cun enredo brultal", destacou o director do recinto municipal. Será La estupidez, de Rafael Spregelburd, que contará no reparto con Fran Perea, Toni Acosta e a voz en off de Carlos Hipólito. Xa na fin de semana do 18 e 19, será a representación de Unhas poucas picadelas, unha proposta que afonda nas violencias machistas nunha data moi próxima á celebración do día internacional contra as mesmas, o 25 de novembro.
Xa no mes de decembro, o venres 2 e sábado 3, chega desde País Vasco HappyEnd, "unha peza hilarante", segundo Rodríguez, e que dará paso o día 10 de decembro á adaptación da compañía galega Sarabela Teatro da obra de José Saramago Ensaio sobre a cegueira. O ciclo rematará coa representación os días 17 e 18 de El Florido Pensil. Niñas, e a galega Noiteboa que, interpretada por Ernesto Chao e Mela Casal, pechará a tempada o 23 de decemebro.
O prazo para a renovación de abonos abrirase o 27 de xullo e seguirá ata o 6 de setembro (ambos incluídos), no despacho de billetes da praza de Ourense -de luns a venres en horario de 09.30 a 13.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas, agás o 15 de agosto-, a través do servizo de televenda 902 044 226 -de luns a venres de 09.00 a 22.00 h, sábados de 14.00 a 22.00 horas e domingos de 16.00 a 21.00 horas-. Cada persoa abonada terá reservada a localidade que ocupou no ciclo na temporada de primavera 2016, a condición de que manteña o mesmo tipo de abono -de venres ou sábado-. As persoas interesadas en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán proceder á súa renovación nos días e horarios establecidos, podendo optar só ás localidades non ocupadas por outros abonados. Para acceder ás localidades que deixen libres as persoas abonadas que non renoven, as interesadas deberán acudir ao despacho de praza de Ourense o día 7 de setembro, no horario de apertura do mesmo.
Aquelas persoas interesadas en adquirir novos abonos, poderán facelo no prazo establecido os días 8 e 9 de setembro, e a partir do día 12 de setembro estarán dispoñibles as entradas soltas para a venta.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible