Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

8 de xullo de 2026

O Ciclo Principal de Outono levará ao Teatro Rosalía de Castro doce montaxes de referencia do panorama escénico galego e estatal

A nova programación inclúe producións premiadas, autores e compañías de prestixio e unha destacada presenza da dramaturxia galega contemporánea

O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación do Ciclo Principal de Outono 2026, que ofrecerá un total de doce espectáculos entre os meses de setembro e decembro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación acompañado polo director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez. O ciclo está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

"O Teatro Rosalía de Castro continúa a ser un dos grandes referentes escénicos do país e unha peza esencial da programación cultural da cidade. Esta nova edición do Ciclo Principal combina excelencia artística, diversidade temática e unha firme aposta pola creación galega e estatal máis destacada do momento", sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou tamén a resposta da cidadanía á programación teatral municipal, que vén de acadar un récord histórico de persoas abonadas durante a pasada tempada de primavera, e que reforza a acción de goberno da alcaldesa, Inés Rey, neste eido.

A programación reunirá algunhas das propostas máis destacadas da escena contemporánea, con compañías e creadoras de referencia como Teatro de Ningures, Berrobambán, Ron Lalá, Pont Flotant, Pablo Remón, Magüi Mira, Andrés Lima ou o Centro Dramático Galego.

O ciclo abrirase os días 11 e 12 de setembro con 'As gardiás ou o nó do tecelán', unha produción de Teatro de Ningures que reflexiona sobre os coidados e o envellecemento desde unha perspectiva comunitaria. A programación continuará con títulos como 'Ubasute', de Paula Carballeira; 'El invencible verano de Liliana', adaptación da obra gañadora do Pulitzer de Cristina Rivera Garza; e 'Adolescencia infinita', da compañía valenciana Pont Flotant.

Entre os pratos fortes da temporada destacan tamén 'La desconquista', a nova comedia musical de Ron Lalá; 'El entusiasmo', de Pablo Remón, finalista aos Premios Max 2026 e candidata aos Premios Talía; e 'Violencia', unha reflexión sobre o perdón e a convivencia a partir das consecuencias dun tiroteo escolar.

A programación reserva igualmente un espazo relevante para grandes producións de texto clásico e contemporáneo como 'La barraca', dirixida por Magüi Mira; 'El barbero de Picasso', protagonizada por Antonio Molero e Pepe Viyuela; e 'El rey de la farándula', espectáculo galardoado nos Premios Talía 2026 coa distinción ao mellor actor para Ángel Ruiz.

A presenza galega volverá ter un peso específico nesta edición coa participación de compañías e creadoras do país. Xunto ás producións de Teatro de Ningures e Berrobambán, destaca 'Black Box - Unha saga épica', coproducida polo Centro Dramático Galego, así como 'Libres!!! Un cabaret anarcosicalíptico', texto de Esther F. Carrodeguas dirixido por Andrés Lima.

O período de renovación de abonos para as persoas que contaban con abono na primavera permanecerá aberto entre o 15 de xullo e o 28 de agosto, mentres que a venda de novos abonos terá lugar os días 1 e 2 de setembro. As entradas soltas sairán á venda o 4 de setembro. O Rosalía manterá as dúas modalidades habituais de abono, en venres e sábado, cun desconto do 25 % respecto ao prezo das entradas individuais.

Castro destacou que esta programación "reflicte a aposta do Goberno de Inés Rey por achegar á cidadanía propostas escénicas de máxima calidade e converter a Coruña nun referente cultural tamén no ámbito das artes escénicas". "O éxito do Ciclo Principal demostra que existe un público fiel e crecente que entende o teatro como unha parte fundamental da vida cultural da cidade", concluíu.

Programación do Ciclo Principal de Outono 2026

  • 11 e 12 de setembro: As gardiás ou o nó do tecelán.
  • 25 e 26 de setembro: Ubasute.
  • 2 e 3 de outubro: El invencible verano de Liliana.
  • 16 e 17 de outubro: Adolescencia infinita.
  • 6 e 7 de novembro: La desconquista.
  • 13 e 14 de novembro: El entusiasmo.
  • 20 e 21 de novembro: Violencia.
  • 28 de novembro: La barraca.
  • 11 e 12 de decembro: Libres!!! Un cabaret anarcosicalíptico.
  • 13 de decembro: Black Box - Unha saga épica.
  • 18 e 19 de decembro: El barbero de Picasso.
  • 27 de decembro: El rey de la farándula.

Documentos:

Programación do Ciclo Principal de Outono 2026 (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión