8 de xullo de 2026
A nova programación inclúe producións premiadas, autores e compañías de prestixio e unha destacada presenza da dramaturxia galega contemporánea
O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación do Ciclo Principal de Outono 2026, que ofrecerá un total de doce espectáculos entre os meses de setembro e decembro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou a programación acompañado polo director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez. O ciclo está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
"O Teatro Rosalía de Castro continúa a ser un dos grandes referentes escénicos do país e unha peza esencial da programación cultural da cidade. Esta nova edición do Ciclo Principal combina excelencia artística, diversidade temática e unha firme aposta pola creación galega e estatal máis destacada do momento", sinalou Gonzalo Castro. O edil destacou tamén a resposta da cidadanía á programación teatral municipal, que vén de acadar un récord histórico de persoas abonadas durante a pasada tempada de primavera, e que reforza a acción de goberno da alcaldesa, Inés Rey, neste eido.
A programación reunirá algunhas das propostas máis destacadas da escena contemporánea, con compañías e creadoras de referencia como Teatro de Ningures, Berrobambán, Ron Lalá, Pont Flotant, Pablo Remón, Magüi Mira, Andrés Lima ou o Centro Dramático Galego.
O ciclo abrirase os días 11 e 12 de setembro con 'As gardiás ou o nó do tecelán', unha produción de Teatro de Ningures que reflexiona sobre os coidados e o envellecemento desde unha perspectiva comunitaria. A programación continuará con títulos como 'Ubasute', de Paula Carballeira; 'El invencible verano de Liliana', adaptación da obra gañadora do Pulitzer de Cristina Rivera Garza; e 'Adolescencia infinita', da compañía valenciana Pont Flotant.
Entre os pratos fortes da temporada destacan tamén 'La desconquista', a nova comedia musical de Ron Lalá; 'El entusiasmo', de Pablo Remón, finalista aos Premios Max 2026 e candidata aos Premios Talía; e 'Violencia', unha reflexión sobre o perdón e a convivencia a partir das consecuencias dun tiroteo escolar.
A programación reserva igualmente un espazo relevante para grandes producións de texto clásico e contemporáneo como 'La barraca', dirixida por Magüi Mira; 'El barbero de Picasso', protagonizada por Antonio Molero e Pepe Viyuela; e 'El rey de la farándula', espectáculo galardoado nos Premios Talía 2026 coa distinción ao mellor actor para Ángel Ruiz.
A presenza galega volverá ter un peso específico nesta edición coa participación de compañías e creadoras do país. Xunto ás producións de Teatro de Ningures e Berrobambán, destaca 'Black Box - Unha saga épica', coproducida polo Centro Dramático Galego, así como 'Libres!!! Un cabaret anarcosicalíptico', texto de Esther F. Carrodeguas dirixido por Andrés Lima.
O período de renovación de abonos para as persoas que contaban con abono na primavera permanecerá aberto entre o 15 de xullo e o 28 de agosto, mentres que a venda de novos abonos terá lugar os días 1 e 2 de setembro. As entradas soltas sairán á venda o 4 de setembro. O Rosalía manterá as dúas modalidades habituais de abono, en venres e sábado, cun desconto do 25 % respecto ao prezo das entradas individuais.
Castro destacou que esta programación "reflicte a aposta do Goberno de Inés Rey por achegar á cidadanía propostas escénicas de máxima calidade e converter a Coruña nun referente cultural tamén no ámbito das artes escénicas". "O éxito do Ciclo Principal demostra que existe un público fiel e crecente que entende o teatro como unha parte fundamental da vida cultural da cidade", concluíu.
Programación do Ciclo Principal de Outono 2026

30 de xuño de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible