Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de xuño de 2023

A oferta teatral para a fin de semana complétase o venres e o sábado no Teatro Colón coa obra “Somos criminais 3”, con Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán

O ciclo Principal e Todo Público pechan esta fin de semana a oferta teatral de primavera do Concello

“La discreta enamorada”, dirixida e interpretada por Lluis Homar, chega ao Teatro Rosalía de Castro o venres e sábado dentro do Ciclo Principal e o Fórum Metropolitano acolle o sábado “El soldadito de plomo”, con Omar Álvarez, a última obra incluída no ciclo Todo Público

O Concello remata esta fin de semana coa súa oferta teatral estable de primavera coa finalización dos ciclos Principal e Todo Público, que este vernes e sábado culmina coa representación no Teatro Colón da obra "Somos criminais 3", interpretada por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán.

O venres e sábado haberá dúas funcións de "La discreta enamorada", adaptación da obra de Lope de Vega producida pola Compañía Nacional de Teatro coa colaboración de Teatro Soho CaixaBank e Teatro Cuyás. Serán o venres e sábado no Teatro Rosalía, ás 20.30 horas.

Dirixida e interpretada por Lluis Homar, trátase dunha das principais comedias amorosas de enredos, xa que Lope de Vega foi un enorme comediógrafo cunha grande capacidade para debuxar personaxes de enorme profundidade que lle permitiron describir un mundo cheo de apariencias e para cuestionar a rixidez das normas morais e sociais do seu tempo.

O ciclo Principal de Primavera do Teatro Rosalía de Castro está conformado por catorce obras, cunha programación moi variada e de moi alta calidade onde destacou a presenza de actores como Eduard Fernández, Miguel Ángel Solá, Carlos Blanco ou Natalia Verbeke, ademais de directores como Pablo Messiez, Lluis Homar, Claudio Tolcachir e Andrés Lima.

Das catorce obras, dez foron funcións dobre e catro foron simples, cunha gran variedade que permitiu contar con propostas clásicas e contemporáneas, a existencia de comedia e drama, así como claros posicionamentos contra o acoso ás mulleres.

A programación do Ciclo Principal do Teatro Rosalía de Castro conta coa colaboración da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Axencia Galega das Industrias Culturais.

O sábado, ás 18,00 horas, remata tamén o ciclo Todo Público no Fórum Metropolitano. Será ás 18.00 horas, coa obra "El soldadito de plomo", unha versión para teatro de monicreques que respecta o texto orixinal que imaxinou o seu autor, co fin de introducir o espectador a ese marabilloso e singular universo que creou Hans Christian Andersen. A cargo da compañía Omar Álvarez Títeres, a obra non é un conto convencional, senón que se trata dunha parábola da vida levada ao mundo candoroso e infantil dos xoguetes.

Todo Público é un ciclo de artes escénicas que cumpriu xa os 35 anos de existencia orientado para público familiar que esta primavera ofertou oito espectáculos para nenos e nenas de 3 a 12 anos de contidos, estéticas e técnicas variadas, que foron desde o teatro de máscaras, pasando polo teatro con música en directo e monicreques. A súa programación complétase cunha oferta educativa, dirixida ao público escolar de educación infantil, primaria e secundaria, en horario lectivo.

A programación teatral reforza a condición da Coruña como unha das principais capitais culturais, cunha oferta especialmente atractiva e variada, e forma parte da aposta do goberno de Inés Rey para consolidar a cidade como unha gran referencia teatral, vencellada á súa longa tradición de programar artes escénicas.

A programación do Rosalía de Castro compleméntase ademais coa oferta desenvolta desde o Teatro Colón e os ciclos Sen Numerar, orientado ao público xuvenil e adulto pero con espectáculos de pequeno e mediano formato, que tamén rematou a pasada semana; e Todo Público, dirixido a un público máis familiar e infantil, que teñen o Fórum Metropolitano como referencia fundamental.

A oferta teatral para esta fin de semana inclúe tamén a representación no Teatro Colón de "Somos criminais 3", interpretada por Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán. Será o venres, ás 20.30 e 23.00 horas e o sábado, ás 18.00 e ás 23.00 horas.

En "Somos Criminais 3", Carlos Blanco e Xosé AntonioTouriñán, dirixidos por Tito Asorey, analizan Galicia e os seus habitantes para saber quen e por que somos como somos. Coa retranca que é marca da casa, o espectáculo trata de responder con humor a cuestións como se somos criminais no sentido menos criminal da palabra, se temos a nosa forma de ser, se respondemos preguntas con outras preguntas ou se subimos ou baixamos.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión