4 de setembro de 2023
Máis de 2.100 persoas formalizaron a súa solicitude de participación na proba, que terá lugar este domingo 10 e supón a volta á actividade de Coruña Corre tras o habitual parón estival
A pasada fin de semana pechouse o prazo de inscrición de cara á décima edición da Volta a Oza, unha das sete probas incluídas este ano no circuíto de carreiras populares Coruña Corre, e que terá lugar este domingo 10 de setembro, desde as 10.00 horas, co parque de San Diego como punto de partida.
Neste sentido, 2.177 persoas están inscritas na proba -case 400 delas formalizaron a súa solicitude a pasada semana, coa recta final do prazo de inscrición-, con vistas á súa participación nunha carreira que xa é tradicional no calendario deportivo anual da cidade.
No referente aos datos, este ano rexistrouse un incremento de case un 40 % de persoas inscritas con respecto á pasada edición -foron 1.323 en 2022-.
O percorrido da proba absoluta, de 6.250 metros e que se pode consultar nesta ligazón, comezará no treito de acceso ao parque de San Diego e tras, a primeira rotonda entre a rolda de Outeiro e a avenida do Exército, terá continuidade pola rúa Alejandro Barreiro Noya, subindo posteriormente pola avenida da Pasaxe e a avenida da Concordia.
No seu camiño, as e os participantes pasarán tamén pola contorna do IES Monte das Moas, o parque de Eirís, a avenida de Casanova de Eirís e Antonio Ríos, bordeando posteriormente o IES de Monelos pola rúa Montes para descender, a continuación, polas sendas do parque de Oza. Xa aí comezará o treito final, con subida pola rolda de Outeiro para voltar ao punto inicial, o parque de San Diego.
A entrega de premios ás e aos atletas gañadores da proba terá lugar o propio domingo ás 12.30 horas, na zona de saída-meta da carreira ou nas instalacións do Complexo Deportivo Municipal de San Diego, en caso de choiva.
Onde e cando recoller os dorsais
A recollida de dorsais estará habilitada este domingo 10 de setembro, día da carreira, no Complexo Polideportivo Municipal de San Diego. O horario de recollida é o seguinte:
Xa o día da Volta a Oza, estará habilitado un servizo de gardarroupa, tamén no Complexo Deportivo Municipal de San Diego, de 9.30 a 11.30 horas. Haberá, ademais, servizo de duchas, tamén en San Diego, de 10.30 a 12.00 horas.
Tras a Volta a Oza, dúas carreiras máis ata finais de ano
A Volta a Oza supón a volta á actividade do circuíto de carreiras populares Coruña Corre tras o habitual parón estival. A través desta iniciativa, o Goberno de Inés Rey busca promover entre a cidadanía hábitos de vida saudable e a práctica diaria de actividades deportivas.
Despois da proba do vindeiro día 10 de setembro, están previstas outras dúas antes de que remate o ano: a carreira popular do Ventorrillo, o 22 de outubro; e a carreira popular de Novo Mesoiro, xa o 26 de novembro.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible