Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de agosto de 2017

O concelleiro de Culturas celebra a aceptación popular dunhas Festas de María Pita que se converteron “en imaxe do modelo de cidade que queremos construír: próxima, plural, accesible e participativa”

Sande salienta a boa resposta cidadá a un mes de actividades lúdicas e culturais descentralizadas e para todos os públicos “que contou con fitos referenciais como o festival Noroeste, as feiras do libro e cómic ou a Romaría de Santa Margarida, eventos con entidade e identidade propia” O presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, destaca o crecemento sostido “que está a experimentar o sector hostaleiro da cidade coincidindo cunhas festas amables e sostibles”

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, salientou este luns a grande aceptación e implicación por parte da cidadanía nas Festas de María Pita 2017, "que se converteron en imaxe do modelo de cidade que queremos construír: próxima, plural, accesible, participativa e para todos os públicos". O responsable municipal destacou "a alta participación da veciñanza", así como o "polo de atracción turística e, polo tanto, de retorno económico" que supuxeron os festexos que acolleu a cidade durante todo o mes de agosto. A este respecto, o presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, salientou "o crecemento sostido que está a experimentar o sector de hostalería da cidade coincidindo cunhas festas especialmente amables, tranquilas e sostibles".

Sande destacou, no seu primeiro balance das festas, que parte do éxito se debe en boa medida "á consolidación dunha estrutura estable de festexos, dividida en semanas e con eixes temáticos diferenciados: a semana do Noroeste, a das Noites de María Pita, a da Orquestra Sinfónica ou a da Romaría". "Estamos especialmente satisfeitos co resultado dunhas festas que, este ano, consolidaron o modelo polo que apostamos dende que chegamos en 2015, cando o goberno local tivo que poñer en marcha unhas festas nun tempo récord", recordou o concelleiro. "Consolidamos un modelo de festas expandidas, públicas e accesibles, para todo tipo de públicos, que teñen lugar en distintas partes da cidade e que fan da propia cidade e os seus elementos patrimoniais sinais identitarios", explicou.

Romaría de Santa Margarida

Sande apuntou que entre os "fitos identitarios" destas festas, ademais de Viñetas desde o Atlántico, a Feira do Libro ou o Noroeste, figura a Romaría de Santa Margarida, que onte á noite tivo que suspender os seus últimos actos debido á meteoroloxía. "A pesar dese final, temos que destacar que se celebraron 6 dos 8 concertos programados, grazas especialmente á aposta por expandir a romaría con actividades nas prazas da cidade e aumentar o período de festa de un a dous días", comentou Sande, que anunciou, non obstante, a intención do goberno local de reubicar as actuacións que quedaron sen poder celebrarse, do cal se informará nas próximas xornadas.

No balance inicial das Festas de María Pita, Sande fixo fincapé na importancia da oferta musical. "Este ano, de forma especial, apostamos polo eclecticismo. A cidade, de forma gratuíta e en numerosos escenarios distintos, dende a Praza de María Pita ao Campo da Leña, a praia ou os barrios, encheuse de música para todos os gustos, tendo especial relevancia os e as artistas locais e galegas", explicou. "Tivemos artistas consagrados e de altísimo nivel, como o caso da Orquestra Sinfónica de Galicia, en María Pita; apostamos polo pop, polo rock e polas músicas alternativas e de vangarda no Noroeste, multiplicando a súa oferta, e tamén contamos con música tradicional na romaría de Santa Margarida, así como con orquestras nos barrios e coa continuación de festivais como o de Arraigo ou as Habaneras", comentou o edil, que recordou "o fito que este ano supuxo a celebración do Festival Noroeste Estrella Galicia, que congregou en distintos espazos públicos da cidade a 90.000 persoas, implicou a máis de 475 artistas e supuxo a creación de máis de 150 empregos directos".

Ao fío das "fortalezas" das Festas de María Pita, Sande tamén chamou á atención sobre a programación para "todos os públicos", con especial incidencia de actividades para os e as cativas. "En todos os eventos se pensou especialmente nos e nas pequenas, como no caso da propia Feira do Libro, co Xardín dos Libros", engadiu.

Descentralización e actividade para todos os públicos

Sande quixo destacar tamén o feito da "descentralización" das actividade lúdicas. "Actuouse en todas as partes da cidade, levando aos barrios actividades como Manicómicos, o FamiliRúa ou a Festa das Utopías", comentou o concelleiro, quen tamén quixo agradecer de forma especial "a colaboración das asociacións veciñais que este ano foron auténticas protagonistas á hora de programar as festas barriais, a través de convocatorias como Facemos Comunidade". Durante o mes que acaba, A Coruña acolleu as festas de Oza-Gaiteira-Os Castros, Castrillón-Urbanización Soto, Pedralonga, Sagrada Familia, Eirís e Novo Mesoiro.

Datos de ocupación

O concelleiro de Emprego e Economía Social e presidente do Consorcio de Turismo, Alberto Lema, salientou, ao respecto do balance das Festas de María Pita 17, "a boa campaña a nivel de hostalería". "A falta de que deamos a coñecer datos máis exhaustivos, a nosa primeira impresión é positiva xa que as previsións do sector da hostalería para este mes de agosto falaban dunha ocupación de en torno ao 85%", comentou o edil, quen tamén quixo salientar o incremento do prezo medio por ocupación, "o que quere dicir que gañamos en atractivo turístico e na calidade que se oferta".

"O Plan Estratéxico de Turismo incide no atractivo que é o modelo de cidade dunha Coruña próxima, sostible e tranquila, cunha oferta para todos os públicos. Estas Festas de María Pita foron a ratificación deses conceptos, ao ter eventos con grandísima participación de persoas sen que apenas se rexistrasen incidencias", dixo Lema, quen puxo de relevo "o traballo transversal que se leva a cabo dende diversas áreas do goberno local", en concreto, e ademais de Culturas e de Turismo, coas áreas de Igualdade e Diversidade, Mobilidade Sostible, Medio Ambiente, e Seguridade Cidadá.

"A oferta cultural e gastronómica está xa nuns niveis de recoñecemento altísimos, pero tamén debemos destacar o aumento exponencial da oferta deportiva e da oferta deportiva náutica, que tamén atrae á cidade a un considerable número de visitantes", comentou Lema, que quixo destacar eventos como o Mundial de Snipe, a Bandeira Cidade da Coruña de traíñas, regata puntuable para da Eusko Label Liga, ou o Teresa Herrera de Traíñas, "que conta cun trofeo feminino que se converteu no máis prestixioso de Galicia", apuntou Lema.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión