4 de maio de 2017
Durante ese día os tres museos científicos municipais da cidade terán unha xornada de portas abertas con entrada de balde, así como a Torre e o Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá as actividades do Día da Ciencia na Rúa, que se celebrará este sábado no Parque de Santa Margarita e que cumpre a súa XXII edición. O responsable municipal destacou o compromiso do Goberno local coa difusión do coñecemento "e máis se neste caso a promoción do mesmo a fan, de forma completamente participativa, os e as escolares desta cidade e doutras zonas da Área Metropolitana e do resto de Galicia". En concreto, o edil destacou que nesta edición colaboran 36 centros educativos (sumando tamén á Universidade) dos que 6 son de Educación Primaria. Os mesmos pertencen tanto ao Concello da Coruña, como a Culleredo, Cambre, Carral, Oleiros, Sada, Betanzos, Lugo e Ribadeo.
As actividades do Día da Ciencia contan ademais coa colaboración doutras entidades e institucións que desenvolven a súa actividade ao redor da ciencia, ademais da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, cuxo presidente, Francisco Javier Novelle, estivo presente na rolda de prensa de presentación dos actos. Á marxe da participación da UDC a través da Facultade de Ciencias, da Escola de Enxeñería de Camiños e do Centro de Investigacións Científicas Avanzadas, neste evento de carácter didáctico e festivo tamén participan o Centro Oceanográfico da Coruña e o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña INIBIC. Por outra banda, nas actividades que se desenvolverán todo o día no Parque de Santa Margarida, tamén estarán presentes entidades e asociacións que colaboran habitualmente cos Museos Científicos da Cidade, como é o caso da Agrupación Astronómica IO, ou Bricolabs, que realiza actividades vinculadas á zona maker da Domus.
Sande destacou tamén que "os Museos Científicos Coruñeses sumaranse a esta festividade cunha xornada de portas abertas nos centros da Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae". O Planetario da Casa das Ciencias ofrecerá un maratón de sesións, mentres que a Domus levará a unha das case 50 jaimas instaladas no Parque de Santa Margarita as actividades que se están a desenvolver dende este museo dentro do proxecto internacional World Biotech Tour.
Entre as actividades previstas que se desenvolverán esta xornada, terá lugar o coñecido Pasacalles científico, unha fanfarria que rende homenaxe a investigadores e investigadoras destacadas, e que percorrerá parte da cidade pola mañá desde a Praza de Lugo para, a continuación, pasear polo parque. O reclamo para a participación na festividade contará cunha representación das cabezas de Marie Curie, Cornide Saavedra, Isaac Newton, Albert Einstein, Arquímedes de Siracusa, Antoine de Lavoisier, Galileo Galilei, Jacques Cousteau, Charles Darwin, Severo Ochoa e Francisco Javier Balmis. O grupo estará acompañado por malabaristas e unha agrupación musical.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible