7 de xullo de 2017
José Manuel Sande destaca que o Salón, que terá lugar entre os días 7 e 13 de agosto, contará coa participación de Eduardo Risso, Natacha Bustos ou Cameron Stewart, e inclúe por vez primeira un espectáculo audiovisual de Dave McKean
O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá o XX Salón Internacional do Cómic Viñetas desde o Atlántico, que se celebrará entre os días 7 e 13 de agosto en distintos espazos da cidade e que este ano amplía a súa actividade. "Estamos a falar de dúas décadas de promoción pública, nas que este Concello converteu, a través da divulgación, a cidade da Coruña nun referente mundial do cómic", sinalou o edil. "Sempre falamos da idea da Coruña Gráfica, dunha cidade ilustrada na que a novena arte é un sector consolidado. O labor pedagóxico e divulgativo de Viñetas resultou fundamental para dar pé á efervescencia creativa que estamos a vivir, porque esta procede, en parte, do coñecemento de primeira man das grandes figuras do cómic mundial a través do Salón", afirmou Sande.
"Viñetas medrou ao ritmo do paso de creadoras e creadores internacionais, pero tamén o fixo á vez que as autoras e autores galegos, e mesmo ao ritmo do interese que esperta a banda deseñada entre a cidadanía e todas as persoas que nos visitan", sinalou o edil. Así, este ano, o Salón do Cómic renderá homenaxe ás e aos máis recoñecidos debuxantes de Galicia, a través da primeira mostra retrospectiva "da obra de quen hoxe consideramos imprescindible na banda deseñada galega", sentenciou o responsable municipal, que citou entre outras as figuras de Davíd Rubín, Emma Ríos, José Domingo, Xaquín Marín ou Jano. "Hai unhas semanas inaugurábamos na Sala de Exposicións de Salvador de Madariaga Panorama da BD Galega 2016, unha mostra que sempre foi asociada a este Salón. Fixémolo porque entendiamos que era necesario darlle outra entidade, alén de Viñetas, e visibilizar a súa obra tamén coa edición dun catálogo. Precisamente algunhas desas sinaturas tamén estarán este ano no Salón a través desta exposición retrospectiva, que recolle a traxectoria das creadoras e creadores do país que gozan, tamén, de recoñecemento estatal e internacional", dixo Sande, quen expuxo que tamén un autor galego é o responsable do cartaz deste ano, Xulio Martínez Pérez, Das Pastoras, "quen posúe unha particular liña de traballo". O autor xa asinara o cartel do Salón do ano 2002 como convidado, pero con motivo desta XX edición, a coordinación do festival invitouno a realizar de novo o cartel.
Entre as figuras convidadas desta edición, o concelleiro de Culturas destacou a presenza de, entre outros, Eduardo Risso, gañador de 4 premios Eisner e debuxante das novas aventuras de Torpedo; Meyer, un dos pais do cómic El Enterrador; Pablo Auladell, Premio Nacional de Cómic 2016 coa obra El Paraíso; o debuxante de superheroes Cameron Stewart; Kiko da Silva, creador da primeira escola profesional de cómic e ilustración de Galicia; Natacha Bustos, responsable de Chernóbil: la zona; ou Dave McKean. Da man do creador inglés chegará, por primeira vez na historia de Viñetas, un espectáculo audiovisual. Será a montaxe coa que McKean acompaña a súa novela gráfica The black dog, the dreams of Paul Nash.
O responsable municipal salientou que unha das máis relevantes iniciativas desta edición será reunir aos dez primeiros galardoados co Premio Nacional de Cómic arredor unha exposición "pioneira e de carácter insólito". Así, por vez primeira, o Salón do Cómic congregará, na Fundación Barrié, a obra dos premiados con este recoñecemento, entre os que se atopan o director do Salón, Miguelanxo Prado. Estarán presentes nesta XX edición de Viñetas Juanjo Guarnido, Sergio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela e Alfonso Zapico, ademais de Auladell e Prado, e participarán nun debate o día 11 de agosto.
Xunto a esta mostra, desde o 7 de agosto e até o 11 de setembro, diversos espazos municipais acollerán exposicións de Viñetas desde o Atlántico, como o Pazo de María Pita --Pablo Auladell--, Kiosco Alfonso --obra de Risso, Meyer, Da Silva, Stewart, Rocheleau--, a Sala Municipal de Exposicións Palexco --Chevrier (Nob), Pulido, McKean, Bustos--, a Casa da Cultura Salvador de Madariaga --Rey e Sala, e o premio Castelao Emilio Fonseca co seu Fóra de Mapa-- e a Torre de Hércules, que mostrará todos os carteis das distintas edicións de Viñetas desde o Atlántico.
Ao circuíto de equipamentos municipais este ano súmanse dous espazos expositivos. Mentres que a Fundación Barrié acollerá Dez anos de Premio Nacional de Cómic, Afundación será a sede da mostra A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas, espazo no que tamén terán lugar diversas iniciativas durante a celebración do Salón.
Aínda que esta estas últimas dúas das mostras "serán dous dos fitos máis representativos desta edición", segundo avanzou Sande, este ano Viñetas virá acompañada de numerosas actividades que terán arredor da carpa situada nos Xardíns de Méndez Núñez, na que haberá obradoiros dirixidos por Xosé Tomás, charlas e sinaturas, ademais dun espazo das Bibliotecas Municipais da Coruña, "que colaboran ao longo de todo o ano na organización do evento". Regresarán tamén a feira editorial e, espalladas pola cidade, as figuras de personaxes de cómic que todos os anos se sitúan pola cidade "para lembrarnos, a nós e a aquelas persoas que nos visiten entre o 7 e o 13 de agosto, que A Coruña é unha cidade cultural, de vangarda, gráfica", recalcou o concelleiro.
Para máis información sobre a programación, autores e horarios de celebración das distintas actividades, pode visitarse a web www.vinetasdesdeoatlantico.com
Figuras Convidadas - Viñetas desde o Atlántico 2017 (513 KB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible