Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de marzo de 2016

O concelleiro de Emprego e Economía Social salienta “o apoio do Concello ao comercio e o traballo coordinado nas iniciativas que amosan o dinamismo e creatividade do sector”

Alberto Lema participou hoxe na Mesa de Comercio, que congrega aos principais representantes do sector, na que tamén interveu o alcalde, Xulio Ferreiro, e avanzou as campañas municipais deste ano para os barrios, que inclúen mercadiños ao aire libre, consultorías e laboratorios ‘pop-up’, ademais das accións previstas pola Tall Ships Race, o Samaín ou o Nadal

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou na mañá deste xoves xunto co concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, na reunión da Mesa de Comercio, unha convocatoria celebrada no Pazo de María Pita que congregou ás entidades con maior representación  do sector a nivel local, e que serviu ao Goberno local para presentar as principais accións programadas polo Concello para este 2016 en materia de dinamización comercial e coñecer as demandas das distintas asociacións da cidade. A este respecto, o rexedor salientou, durante a súa intervención, a “capacidade de creación de emprego e riqueza” que ofrece este sector, ao que brindou o apoio do Concello “para traballar man a man, con medidas consensuadas”. Na mesma liña, o responsable de Emprego e Economía Social salientou a “colaboración” que se buscou co sector “para coordinar as campañas e dar continuidade a aqueles proxectos mellor valorados polos e polas profesionais”. “O Concello apoia en todo momento as iniciativas do sector, que amosan o seu dinamismo, a súa creatividade e a súa capacidade de traballo”, quixo incidir o concelleiro, que puxo o til no esforzo, económico e de planificación, que o Goberno local fai nestes proxectos, “para poñer en marcha accións que sexan eficaces, e que teñan unha continuidade no tempo”. Durante a xuntanza, o edil apuntou tamén ás accións específicas que se desenvolverán nos mercados municipais –tamén representados na Mesa de Comercio–, para os que se contempla unha partida de 140.000 euros para promoción destes espazos, que non existía o ano pasado.

Tal e como avanzou Lema, as actividades municipais darán comezo coa celebración, esta primavera, de catro mercadiños nos barrios do Castrillón, Os Rosales, Riazor e a segunda fase de Elviña, que terán lugar en distintas fins de semana baixo o lema Saca o teu comercio á rúa e que se desenvolverán en colaboración coa asociación comercial de cada unha destas zonas para visualizar a súa oferta comercial e hostaleira. Como resaltou o concelleiro, o obxectivo desta acción pasa, ademais, por fidelizar a clientela de proximidade, atraer novo público doutras zonas da cidade, mellorar os vínculos entre cliente e establecemento e, no caso da hostalería, testar novos produtos. Para isto, estes mercadiños ao aire libre incluirán actividades complementarias como animación, teatro na rúa, música ou xogos infantís.

Ademais, e como adiantou Lema, a Concellería de Emprego e Economía Social prepara para o verán unha campaña con actividades con motivo da Tall Ships Race. En outono, o Concello porá en marcha Tendas a exame, un servizo de consultoría que se iniciará en establecementos da Falperra e os Mallos, e que inclúe asesoramento completo aos negocios por parte dunha persoa especialista en comercio minorista, para detectar carencias e potencialidades de mellora, así como reforzar o modelo de xestión comercial.  Neses meses botará a andar tamén en Monte Alto Tendas Pop Up, unha experiencia que ten como base eses espazos ‘pop-up’ como laboratorios de simulación comercial onde experimentar e prestar asesoramento a comercios xa existentes e potenciais, na procura de novas fórmulas de presentacións dos produtos e propostas de diversificacións da actividade, entre outros aspectos.

No mes de novembro volverá a campaña do Samaín, na que están programadas accións a desenvolver en colaboración con centros escolares da cidade, co reto achegar aos nenos e nenas ao pequeno comercio do seu barrio. Na mesma liña, durante o Nadal, o Concello desenvolverá accións de dinamización nos barrios, coa actividade de Papá Noel por Barrios, que inclúe animacións con música, e teatro e accións dirixidas tamén á infancia. Delas, o concelleiro salientou que dan continuidade a propostas que tiveron boa acollida no sector e ofreceron un resultado positivo o ano pasado.

A xuntanza da Mesa do Comercio, na que tamén participaron a concelleira de Medio Ambiente, María García, e o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e na que tamén estaba representada a Xunta, a través da secretaria territorial da delegación en A Coruña, Patricia Rodríguez Franco, serviu ademais para recoller as propostas remitidas polos distintos interlocutores, e valorar os proxectos presentados por distintas asociacións cara ás convocatorias de subvencións.

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión