Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de febreiro de 2017

O concelleiro de Emprego salienta os “bos resultados” do pioneiro programa de Axentes Innovadores, impulsado polo Goberno local en colaboración coa Fundación da UDC

Alberto Lema, que presentou os resultados do programa desenvolvido o pasado ano, avanzou que a “gran acollida do mesmo” propiciará unha segunda edición. “A aposta pola innovación é xeradora de negocio e emprego, e nese ámbito estamos a traballar”, dixo o edil

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentou este mércores os resultados do primeiro programa de Axentes de Innovación posto en marcha durante o pasado ano polo Goberno municipal en base a un convenio coa Fundación Universidade da Coruña (FUAC), dotado cunha contía de 30.000 euros. O responsable municipal destacou "os excelentes resultados desta iniciativa, que fomenta a formación específica de cara a conseguir unha adecuada preparación para o exercicio de actividades profesionais no ámbito da innovación". "Ademais, o 70% dos e das e mozas participantes, segundo o seguimento que se lles fixo, continúan neste momento con algún tipo de actividade laboral, ben en período de prácticas, formación no estranxeiro, ou con contrato", destacou. O programa de axentes de innovación empresarial, levado a cabo pola FUAC, consistiu en impulsar o desenvolvemento de 10 plans de innovación no tecido empresarial galego para promover a experiencia laboral de mozos e mozas coruñesas. A metodoloxía aplicada combinou unha formación de carácter presencial na aula con 2 meses de prácticas en empresas. "Unha das apostas deste Concello, dentro do Plan Municipal de Emprego, está no impulso das actividades empresariais relativas á innovación, que xeran tanto valor engadido como negocio e emprego", explicou, á vez que indicou que "o impacto desta iniciativa fará que este ano conte cunha segunda edición". "É fundamental que as institucións públicas colaboren coa Universidade, un dos maiores valores desta cidade", destacou o edil, que agradeceu o traballo desenvolvido pola FUAC, así como polos mozos e mozas que participaron neste programa.

Segundo explicou Lema no acto de presentación dos resultados do programa, que tivo lugar no viveiro de empresas ACCEDE Papagaio --e ao que asistiron tanto representantes da FUAC, como participantes no proxecto e empresas colaboradoras--, durante o período de prácticas, os e as usuarias do programa realizaron un período formativo en empresas colaboradoras onde "compaxinaron a elaboración dun plan de innovación a través dunha ferramenta telemática desenvolvida para tal finalidade, así como un plan de formación".

O programa de Axentes de Innovación conta necesariamente tamén coa colaboración de empresas, ás que Lema agradeceu a súa implicación "nun tema de tal importancia como é a innovación". De feito, e segundo os datos da FUAC, 43 firmas da cidade inscribíronse no Programa, das cales o 50% eran de menos de 10 persoas empregadas; o 19%  eran iniciativas autónomas; o 10% teñen entre 11 e 50 traballadores e traballadoras, e o 16%, entre 21 e 200. O 46% das mesmas pertencía ao sector servizos, mentres un 27% estaba enclavada no sector tecnolóxico, un 14% no da construción, un 11% no comercial e un 2% no sanitario. Das mesmas, un total de 10 empresas deron acollida aos Axentes de Innovación 2016. Delas, un 70% tiñan menos de 10 traballadores, mentres que un 10% eran de carácter autónomo, outro 10% de entre 21 e 200 empregados, e a mesma porcentaxe para empresas cun cadro de persoal de entre 11 e 50 persoas. Das empresas acolledoras, un 50% pertencían ao sector tecnolóxico, un 20% ao do servizos, un 10% ao comercial, outro 10% á construción, e un terceiro 10% ao sanitario. En canto ao ámbito de innovación da empresa o 80% teñen que ver co produto/servizo ofrecido, 10% correspóndese á innovación organizacional e 10% a innovación márketing.

En canto aos mozos e mozas participantes, un total de 258 da Coruña inscribíronse no programa, sendo finalmente, e tal e como estaba previsto, 10 os e as beneficiarias do Programa de Axentes de Innovación 2016. Dese total, un 50% dos e das participantes pertencen ao ámbito das ciencias sociais e xurídicas, un 10% a ciencias, e un 40% a arquitectura e enxeñería.

Lema quixo destacar "os bos resultados" do programa, enclavado dentro das políticas desenvolvidas polo seu departamento para o fomento das actividades de innovación, "sendo estas, como vemos, cada vez máis xeradoras de negocio e empregabilidade". De feito, o 70% das persoas beneficiarias continúa coa súa actividade, das cales un 14% iniciou un programa formativo no estranxeiro e un 86% logrou inserción laboral (o 72% con prácticas remuneradas cotizando á Seguridade Social e un 28% con contrato laboral). "Estamos especialmente satisfeitos co resultado deste programa, debido a que conseguiu una taxa moi alta de inserción, de forma comparativa con outros programas, polo cal esperamos ampliar e continuar con esta colaboración no futuro", indicou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión