Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

28 de setembro de 2017

O Concello aborda unha modificación puntual da ordenanza de ruídos para reforzar a protección da veciñanza contra a contaminación acústica

A Concellería de Rexeneración Urbana trasladará mañá á Xunta de Goberno a proposta de modificación da norma municipal, para ampliar o prazo de resolución das sancións de tres a seis meses, co obxectivo de evitar a caducidade destes procedementos mantendo todas as garantías das persoas denunciadas

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda trasladará mañá venres á Xunta de goberno local, que se reúne en sesión extraordinaria, a proposta para modificar a ordenanza de protección contra a contaminación acústica, a fin de axustar o prazo de resolución do procedemento ao trámite administrativo e evitar así a caducidade dos procedementos sancionadores por incumprimento desta norma, mantendo, ao tempo, todas as garantías para as persoas denunciadas. Deste xeito, o Concello ten previsto ampliar de tres a seis os meses o tempo máximo de resolución do expediente sancionador, o que supón, como indica o concelleiro desta área, Xiao Varela, recuperar o prazo que se establecía antes da entrada en vigor da Lei 39/2015, que fixou en tres meses o período de tramitación destes expedientes. O cambio, como sinala Varela, responde á vontade, por parte do goberno local, de outorgar "o tempo suficiente para realizar os trámites fixados por esta lei que se lles requiren ás persoas denunciadas nun procedemento deste tipo para facer uso dos seus dereitos, trámites que son complexos e deben ser moi garantistas", e, ao tempo, evitar a caducidade por vencemento do prazo "e garantir a efectiva protección da veciñanza contra a contaminación de ruído que se prevé na ordenanza, a través dos instrumentos xurídicos adecuados".

A norma municipal, como recorda Varela, ten como obxecto a prevención, control e corrección da contaminación acústica dentro do municipio nas súas formas máis significativas, como son o ruído e as vibracións, coa finalidade de protexer a saúde da cidadanía e contribuír a mellorar a calidade ambiental da cidade. "Nunha cidade chea de actividade e de posibilidades de ocio e culturais, o Concello debe buscar as ferramentas que permitan facer compatible e promover esa riqueza co descanso da veciñanza e co seu dereito de vivir a cidade plenamente, ao igual que ocorre co procedemento de regularización das terrazas nas rúas co centro, que ademais de favorecer o equilibrio entre oferta hostaleira e respecto pola cidadanía garante o dereito dos e das veciñas á á asistencia de emerxencia nestas rúas", indica o concelleiro. Do mesmo xeito, incide en que a modificación na ordenanza non ten nin terá repercusións económicas para as arcas municipais.

No mesmo sentido, a concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga competente en materia de Seguridade Cidadá, sinala que, de cara a mellorar os prazos de xestión nestes procedementos, a Policía Local vén de asumir os labores de notificación destas propostas de sanción, "o que permite axilizar este trámite, ao  favorecer que esas notificacións poidan facerse as 24 horas do día, e non unicamente en horario administrativo".

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión