Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

23 de abril de 2026

O Concello abre a nova área de esparexemento e zona verde no Polígono de Someso

O novo espazo conta con xogos infantís, mobiliario urbano, zonas verdes e unha fonte de auga potable para o uso e desfrute da veciñanza

O Concello vén de abrir ao público a nova área de esparexemento e zona verde do barrio Polígono de Someso, unha actuación incluída no Plan de Barrios 2025-2027 que permitiu transformar un espazo en desuso nunha contorna accesible, sostible e pensada para a veciñanza.

O proxecto, redactado polo arquitecto Óscar Valcuende Rodríguez, xorde dunha proposta gañadora nos Orzamentos Participativos que permitiu urbanizar un solo residual situado en Lugar Lamelas, nunha rúa perpendicular á rúa José Pascual López-Cortón, entre o Centro Comercial Espacio Coruña e o Centro Integrado de Formación Profesional Someso. A intervención transformou esta parcela nun espazo útil, accesible e humanizado, dotado dos elementos necesarios para o uso veciñal e comunitario.

As obras incluíron actuacións integrais de pavimentación, instalación de mobiliario urbano, xardinería, sistemas de drenaxe e recollida de augas pluviais, así como a execución dunha rede de subministración de auga potable conectada á rede municipal, que abastece a fonte instalada na zona. A nova configuración do espazo permite diferenciar áreas de tránsito, zonas de estancia, espazos verdes e unha zona específica de xogos. A área infantil está equipada cun columpio de aceiro con asento tipo niño, un escorregadoiro e xogos pintados no chan, como unha serpe, un parchís e unha mariola. Ademais, instaláronse bancos e plantáronse especies tapizantes e árbores de sombra, contribuíndo á mellora ambiental e á renaturalización do entorno.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, visitaron hoxe o novo espazo acompañadas por representantes da AVV Sector 7 - Recinto Ferial. Durante a visita, a alcaldesa destacou que "esta nova área verde é un exemplo de como a participación cidadá se traduce en melloras reais nos barrios", e subliñou que "Someso gaña un espazo de encontro, de lecer e de convivencia que responde directamente ás necesidades da súa veciñanza".

Rey tamén puxo en valor o impacto deste tipo de actuacións, sinalando que "seguir investindo en espazos públicos de calidade é fundamental para avanzar cara a unha cidade máis sostible, máis amable e con maior calidade de vida". Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey dá resposta a unha demanda da veciñanza do Polígono de Someso, reforzando a participación cidadá e avanzando na mellora da calidade de vida, a cohesión social e a revitalización urbana do barrio.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión