Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

18 de xullo de 2026

O Concello abre a votación dos Orzamentos Participativos cun récord histórico de 100 propostas

A veciñanza poderá decidir ata o 31 de agosto o destino de 2,6 millóns de euros entre actuacións xa avaliadas técnica e economicamente

O Concello vén de abrir a fase de votación dos Orzamentos Participativos 2026-2027. Todas as persoas empadroadas na cidade que teñan 16 anos cumpridos poderán votar ata o 31 de agosto entre as 100 propostas que superaron o filtrado de admisibilidade e a posterior valoración técnica e económica.

Trátase da cifra máis alta acadada nas últimas edicións dos Orzamentos Participativos. Na edición de 2019 chegaron á votación 81 propostas; en 2021 foron 55 e, en 2022, un total de 61.

As 100 propostas representan un investimento conxunto estimado de 12,6 millóns de euros, case cinco veces superior aos 2,6 millóns dispoñibles. Desta dotación, 2.080.000 euros -o 80 %- repartiranse entre os dez distritos da cidade, mentres que os 520.000 euros restantes -o 20 %- estarán destinados a propostas de ámbito de cidade.

Das máis de 400 iniciativas presentadas pola cidadanía durante os meses de maio e xuño, chegaron á votación 80 propostas de distrito e 20 de cidade. Todos os distritos contan con actuacións propias. Os que concentran un maior número son o distrito 7, correspondente a Os Castros e Elviña, con 25; o distrito 9, que abrangue Mesoiro e Castro de Elviña, con 13; e o distrito 5, integrado por Riazor, Labañou e Os Rosales, con 11.

A alcaldesa, Inés Rey, animou a cidadanía a participar nesta nova fase: "Os Orzamentos Participativos permiten que a veciñanza teña voz directa na definición das prioridades da cidade. Cada voto contribúe a construír unha Coruña máis próxima, equilibrada e pensada desde os barrios".

A votación poderá realizarse en liña a través de nacorunacontas.coruna.gal. Cada persoa poderá apoiar unha ou varias propostas de ámbito de cidade e tamén propostas de ata tres distritos á súa libre elección.

A plataforma indicará en todo momento o custo acumulado das iniciativas seleccionadas e permitirá modificar a escolla ata o peche da votación. Cada persoa deberá optar por unha única vía de participación, dixital ou presencial; o empadroamento comprobarase directamente mediante o padrón municipal.

Os resultados publicaranse unha vez pechada a votación. As actuacións seleccionadas incorporaranse ao orzamento municipal mediante unha modificación orzamentaria que se elevará ao Pleno ordinario de outubro. A súa execución desenvolverase entre novembro de 2026 e decembro de 2028 e poderá seguirse publicamente na plataforma.

Para facilitar a participación das persoas que prefiran votar de maneira presencial, o Concello habilitará dez postos itinerantes en diferentes barrios entre o 21 de xullo e o 31 de agosto. En cada un deles haberá persoal de apoio para informar sobre as propostas, comprobar o empadroamento e a idade e acompañar a cidadanía durante o proceso de votación.

PROGRAMACIÓN DE PUNTOS DE VOTACIÓN PRESENCIAL

  • Martes, 21 de xullo | Praza de María Pita | 16.30-19.30 h

  • Xoves, 23 de xullo | Praza Elíptica, Os Rosales | 16.30-19.30 h

  • Martes, 28 de xullo | Fórum Metropolitano, xunto ao Rexistro | 11.00-14.00 h

  • Xoves, 30 de xullo | Mercado de Elviña | 11.00-14.00 h

  • Venres, 31 de xullo | Mercado de Monte Alto | 11.00-14.00 h

  • Mércores, 5 de agosto | Praza de Lugo, zona peonil | 11.00-14.00 h

  • Martes, 11 de agosto | Os Mallos, rúa Ángel Senra | 16.30-19.30 h

  • Mércores, 19 de agosto | Centro Cívico do Birloque | 16.00-19.00 h

  • Mércores, 26 de agosto | Coraza do Orzán | 16.30-19.30 h

  • Luns, 31 de agosto | Centro Ágora, xunto ao Rexistro | 11.00-14.00 h

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión